Suso Moinhos

"Neira Vilas animoume a traducir a súa obra ao esperanto"

Suso Moinhos (Vigo, 1970) acaba de publicar a primeira tradución ao esperanto da obra de Neira Vilas Memorias dun neno labrego. O tradutor, que tamén é poeta e escritor en esperanto, comezou a estudar esta lingua por casualidade con tan só dezaseis anos. Cursou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente está a realizar un posgrao de esperanto na Universidade de Adam Mickiewicz, en Polonia. Forma parte do equipo de redactores da revista literaria en esperanto Beletra Almanako e vén de publicar no ano 2016 o seu primeiro poemario, Laminarioj, escrito tamén nesta lingua.

susomoinhos
photo_camera [Imaxe: Roberto Alarcón]

-Como xorde a idea de traducir ao esperanto Memorias dun neno labrego ?

-Eu traducira xa anteriormente un capítulo dunha obra de Neira Vilas, precisamente, de Memorias dun neno labrego, xa que os diferentes capítulos teñen unha unidade temática moi grande, o que permite presentalos de maneira autónoma. Ademais, ten unha estrutura circular, comeza máis ou menos como acaba, etc.

Neira Vilas animoume á que traducise ao esperanto o libro enteiro. O que pasa é que foi un camiño un pouco longo. Quixen preparame ben. Estiven dous anos estudando as traducións modélicas ao esperanto doutros autores e despois fun traducindo a obra. Máis adiante envieina a dous correctores de probas, un español e outro sueco, para que me desen as súas suxestións.

-Á hora de traducir ao esperanto, hai poucas referencias?

memoriasdunnenolabregi

-Non, hai unha grande literatura. Hai unha literatura propia que ocupa o mesmo espazo cronolóxico que a literatura galega dende o rexurdimento até agora. Dende Rosalía até aquí está todo o que temos.

Na cultura do esperanto é moi importante a tradución, xa que sempre foi unha maneira de probar a lingua, de traer outras culturas para o esperanto, de vehicular outras culturas para o esperanto. Si que hai unha grande cultura de tradución nesta lingua. 

Neira Vilas animoume á que traducise ao esperanto o libro enteiro

-Como seguiu o proceso?

-Fíxeno con moitísima calma xa que non era un traballo remunerado e empregaba o tempo que tiña. O último paso foi solicitar á Asociación Universal de Esperanto, UEA, a inclusión na serie Oriente Occidente. Esta serie foi creada nos anos 50 dentro dun programa da UNESCO que é unha organización coa cal a UEA ten relación consultiva.

O libro foi escollido pola súa calidade para facer parte dunha colección de volumes que levan o selo da UEA e iso implica tamén que un exemplar de Memorias dun neno labrego en esperanto vai ser enviado á biblioteca da UNESCO.

-A obra xa se está a comercializar, como se distribúe? 

-O libro está editado por Mondial, que é unha editorial localizada en Nova Iorque. Edita libros noutras linguas e tamén en esperanto, pero é a editora de esperanto que mellor distribúe. O libro en papel pódese adquirir en Amazon, en Book Depository e outras distribuidoras. En formato dixital pódese mercar en plataformas coma Google Play.

Na cultura do esperanto é moi importante a tradución

-Cando xorde o teu interese polo esperanto? Por que?

-Sempre gostei das lingua e nos anos 80, no 86, con dezaseis anos, por pura casualidade vin unha entrevista a un esperantista nun canal de televisión. Deron un enderezo para aprender a través de correspondencia por que por aquel tempo non había internet. Foi así como comecei. Despois de facer o curso, entrei en contacto co grupo de Vigo, que agora xa non existe, aínda que seguimos en contacto.

-Comezas moi novo a estudar esperanto, continúas a estudar esta lingua?

-Estou estudando un posgrao semipresencial en Polonia, na universidade de Adam Mickiewicz. Dura tres anos e equivale ao que sería unha filoloxía do esperanto. Estudamos literatura do esperanto, cultura, historia externa do esperanto, gramática, literatura, interlingüística... Estudamos un pouco a historia de todas as linguas artificiais.

Hai unha literatura propia (en esperanto) que ocupa o mesmo espazo cronolóxico que a literatura galega dende o rexurdimento até agora

-Cal é a situación actual do esperanto?

-É moi difícil sabelo porque non hai estatísticas, pero hoxe en día creo que hai moitos falantes novos grazas a Internet. Antes reuníanse ao mellor nos grupos, nos cursos e hoxe en día hai moita xente que aprende a través de Internet, a través de cursos, de recursos en liña ou de apps tamén como duolingo. Ás veces acontece que coñeces xente que aprendeu a través destes métodos pero que non teñen contacto coa cultura do esperanto. Saben moi pouco da cultura do esperanto.

-Cal cre que é o seu futuro?

-Eu non sei cal é o seu futuro, eu sei cal é o seu presente. Sei por exemplo cal é o futuro do galego, o galego ten un futuro moi negro. O galego na Galiza, digo. Pero o esperanto non sei cal é o seu futuro. O esperanto é unha lingua plenamente viva.

Hai moitos falantes novos grazas a Internet

-Cantos falantes ten?

-Non o sei, é moi difícil porque non hai estatísticas pero como mínimo... Hai xente que fala de 2.000.000 ou inclusive de máis pero como mínimo o esperanto ten que ter tantos falantes como unha lingua europea pouco estendida como por exemplo o islandés ou o maltés.

-Diría que cumpriu ou pode chegar  a cumprir o seu propósito de lingua universal?

-É que xa o cumpre, o que pasa é que nunha escala reducida. Calquera persoa que aprenda esperanto ten automaticamente un acceso directo a moitas culturas e a persoas de todo o mundo. A comunicación en esperanto existe e está viva e vincula a cultura de diferentes países.

No ámbito internacional, no ámbito dos organismos internacionais, o esperanto non tivo máis suceso porque as linguas se estenden grazas ou debido a poderes políticos e económicos. Nós estamos falando un latín un pouco descomposto porque despois de dous mil anos seguimos falando latín porque nun momento dado nos impuxeron o latín na Galiza. Impuxérono por razóns políticas.

O esperanto é unha lingua plenamente viva.

Hoxe en día temos o inglés como lingua vehicular en grande parte do ensino galego e á par, das linguas cooficiais da Galiza, sen que sexa cooficial. Esta concesión fixémoslla ao inglés unicamente por motivos políticos.

-O esperanto ten polo tanto unha función de lingua neutral...

-Claro o esperanto foi concibida como unha lingua neutral. Dende ese punto de vista ten moito que ver co que hoxe en día se chama ecoloxía lingüística. É unha lingua que non pertence a ningunha potencia económica, a ningún país, e polo tanto as persoas que se achegan ao esperanto fano dende unha posición de igualdade. Cando falo cunha persoa en esperanto facémolo en pé de igualdade. Hoxe en día non se pode concibir o esperanto como un substituto do inglés ou doutras linguas que poden funcionar a nivel internacional pero si como comunicación alternativa e igualitaria.

-Debería existir unha maior difusión do esperanto e da súa cultura?

-Eu creo que si pero volvemos ao de antes. Falta un poder económico e político que o esperanto nunca ten nin terá. E por outra banda existen moitos malentendidos en relación co esperanto. No caso galego, tense lido moitas veces esa pasaxe do Sempre en Galiza de Castelao:

Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca, un cabalo das pampas de Arxentina rincha igual que un cabalo de Bretaña. E sabedes por que é? Porque todos estes animais aínda están no idioma universal.

Pero máis adiante Castelao defende a existencia dunha lingua neutral universal. O que pasa é que esta primeira pasaxe reproduciuse moitas veces en libros de texto e deu lugar a opinións en Internet relacionando incluso o esperanto co fascismo. Verdadeiras barbaridades cando os esperantistas fomos perseguidos polo nazismo, polo fascismo...

Comentarios