Obras de Castelao e outros pintores galegos na mostra da posguerra do Reina Sofía

Parte de 'El Bongocero', unha das obras de Castelao incluídas na mostra

Trátase de tres obras da serie 'Debuxos de negros' que Castelao pintara no ano 1939 durante a súa estadía en Cuba. Ademais, inclúense pezas de Maruja Mallo, Díaz Pardo, Manuel Colmeiro e Urbano Lugrís. 

'Campo cerrado. Arte y poder en la posguerra española. 1939-1953' é o título da exposición que onte 26 de abril se inaugurou no Centro de Arte Reina Sofía e que inclúe tres obras de Castelao. Trátase de tres debuxos da serie titulada "Debuxos de Negros" que Castelao pintara no ano 1939 con motivo da súa estadía en Cuba. 

A mostra, comisariada por Mª Dolores Jiménez-Blanco, tamén conta con outra obra do Museo de Pontevedra, a "Cabeza de Muller Negra" da pintora nada en Viveiro e coñecida polo nome artístico de Maruja Mallo. Esta obra, pintada en 1946 , fora adquirida polo Museo a comezos da década de 2000. As obras de Castelao son as tituladas 'El Bongocero', 'Ritmo Afro-Cubano' e 'El Billetero', e todas forman parte da Colección Permanente do Museo. 

'Campo Cerrado', que poderá visitarse no terceiro andar do Edificio Sabatini do Reina Sofía entre o 27 de abril e o 26 de setembro, é unha mostra que revisa a produción artística na posguerra española desde ópticas moi diferenciadas e incluíndo un gran número de artistas. Todas as obras seleccionadas nesta mostra están divididas en epígrafes temáticos. No caso das obras de Castelao e Maruja Mallo están incluídas no epígrafe 'Exilios'. Ademais, os debuxos do artista rianxeiro comparten sala na mostra con obra doutros pintores galegos como Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Urbano Lugrís e Manuel Colmeiro.

A mostra inclúe perto de 1.000 pezas de máis de 200 autores, entre os que se encontran Joan Brossa, Picasso, Robert Capa, Joan Miró, Josep Renau, Chillida ou Joan Miró.