O Novo Cinema Galego "invade" o Bilbao Arte

Do 17 ao 19 de xuño, o seminario Novo Cinema Galego comisariado polo crítico Martin Pawley mostrará as máis recentes producións de novos realizadores do noso cine no Bilbao Arte, centro dependente do concello da cidade. 

Vikingland
photo_camera Imaxe de Vikingland

Coa intervención “Cartografía do novo cine galego: referentes e realidade actual”, o crítico e estudoso do noso cinema Martin Pawley dará inicio ao seminario que levará a Bilbao algunhas das máis destacadas producións da nova xeración de cineastas do país. A seguir, o ciclo de proxeccións iniciarase co espazo dedicado aos cortos de Lois Patiño, coa presenza do director. Proxectaranse as curtametraxes do realizador, incluída a máis recente "Montaña en sombra".  

Xa o martes, a proxección de “Anacos” de Xacio Baños, un dos títulos máis premiados, continuará unha mostra que leva a Bilbao algúns dos máis destacados filmes de produción galega, películas que non pasan polas carteleiras comerciais mais que teñen os seus circuítos en festivais internacionais nos que están a colleitar un importante recoñecemento para o novo cinema galego.”Anacos” acadou, entre outros, o premio Carabela de Plata ao mellor filme no concurso de curtametraxes do Festival Internacional de Cine de Cartagena, o especial de xurado no Festival de Cine Español de Málaga, a mención especial do Xurado do Festival Internacional das Palmas e o de mellor guión no Curtocircuíto de Compostela. Seguirá "Piedad" de Otto Roca para concluír a xornada coa proxección de “Vikingland”, o sorprendente filme de Xurxo Chirro, un documentario creado sobre o material audiovisual gravado por un mariñeiro nunha travesía no norte de Europa que visitou xa numerosos festivais e gañou o Play-doc en 2012. O director, Xurxo Chirro, participará tamén no ciclo nun debate arredor da súa filmografía. 

O último día de programa de "Novo cinema galego" -co título na nosa lingua- ofrecerá “La Brecha” de Marcos Nine e a nova longometraxe da directora Margarita Ledo,  “A cicatriz branca”, que busca a historia das mulleres emigrantes que chegaron á Arxentina por volta dos anos vinte e trinta, completa o programa. Protagonizada pola poeta Eva Veiga e con Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Margarita Fernández ou Mónica Camaño no equipo artístico, a película está guionizada pola propia Margarita Ledo. Abe Rábade é o autor da banda sonora.

Comentarios