O Furancho de Arte Contemporánea di adeus a Compostela

Após un intenso ano de vida, polo que circulou “o excedente cultural” máis atractivo da Galiza, o FAC Peregrina bota o peche definitivo para loitar contra “a normalización da precariedade” no traballo artístico

 

A sexta feira do 21 de xuño, o Furancho de Arte Contemporánea (FAC Peregrina) do barrio compostelán de Vistalegre botou o peche após un ano e tres meses de actividade. Os soños polos que, na súa orixe, se concibiu este espazo para un proxecto artístico autoxestionado, baseado “na construción colectiva de coñecemento que é a arte”, vense hoxe realizados.

Creado por un grupo de novos artistas, procedentes de distintos sectores da cultura, a iniciativa botou a andar cun espírito similar aos furanchos tradicionais que se estenden pola xeografía galega. “De igual modo que estes locais traballan co excedente vinícola e lle dan saída dunha forma local e máis directa co público, nós quixemos facer o mesmo co excedente cultural que, na actualidade, son determinados traballos artísticos”, explica o grovense Diego Vites, un dos impulsores do proxecto.

Deste xeito, este espazo, no que o grupo de artistas promotores residía e traballaba, produciu unha forma de contactar e convivir coa arte contemporánea máis próxima e prolongada cá habitual. “O público que acudía ao FAC tomaba uns viños, conversaba e incluso coñecía @s artistas ou @s comisari@s das obras”, explica o artista meco, xerándose un feedback entre creador e  receptores insólito nas galerías de arte convencionais. 

Alén diso, o proxecto procuraba “construír e afianzar comunidade” na Galiza, un obxectivo en grande medida acadado a través da convivencia entre @s artistas das novas xeracións e @s máis veteran@s que xurdiu da experiencia. “Era preciso facernos cargo da realidade contextual e promovermos xente con bos traballos malia que descoñecidos ou non suficientemente valorados”, engade este artista plástico, en representación d@s seus e súas compañeir@s.

Loitar contra a normalización da precariedade

No entanto, un dos motivos que contribuíu ao peche do proxecto foi demandar a necesidade de profesionalización da súa actividade. “Pechar  agora foi unha acción tan reivindicativa como cando abrimos”, defende Diego Vites, “porque seguirmos sería contribuír á normalización da precariedade do traballo artístico”. 

“Non hai que esquecer que, que un espazo de estas características se manteña un ano e medio, é practicamente un milagre xa que, ao non ter un fin lucrativo, non cobrabamos nós mais tampouco os artistas invitados”, matiza o pintor responsábel da exposición Jalisia Fanecas.

Laboratorios de sons, exposicións adicadas ás distintas artes plásticas, obradoiros de maquillaxe ou cine, proxeccións audiovisuais, conferencias, performance, teatro, concertos e moitas máis foron as propostas do espazo. 

“Afrontamos a  morte como algo positivo”, resolve Diego Vites, “satisfeito” polo seu contributo de loita contra o descrédito e descontento reinante no sector profesional das artes na Galiza.

Comentarios