A coroa do Pazo dos Irlandeses, polo chan

Coroa do pazo dos Irlandeses, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Compostela Turismo)
A Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) alertou do deterioro deste elemento da fachada do inmoble compostelán. Fíxoo despois de que unha parte da ornamentación se desprendera e caera á rúa, obrigando a colocar un valado para protexer as persoas viandantes.

A Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) vén de alertar do deterioro da coroa que preside a fachada do pazo de Ramirás, máis coñecido como o pazo dos Irlandeses, en Compostela.

Segundo o colectivo, unha parte da coroa que forma parte do escudo que se pode ver no inmoble foi ao chan estes días.

Nas súas publicacións nas redes sociais, nas que amosa a súa preocupación por este elemento patrimonial que estabelece entre os séculos "XVII e XVIII", estima que o suceso acaeceu na noite da cuarta á quinta feira.

O mal estado deste elemento ornamental do edificio e o risco de que se precipitasen máis pezas ao chan obrigou ás autoridades a instalar un valado na rúa para que as persoas viandantes eviten achegarse demasiado ao pazo.

De feito, o incidente causou danos materiais en elementos da rúa Nova da cidade.

Dáse a circunstancia de que existe unha licencia para rehabilitar o edificio e convertilo nun negocio de hospedaxe, se ben as obras están paradas case desde que o Goberno municipal concedeu o permiso a principios de 2018.

Desde o Concello compostelán explicaron que xa reclamaron ás responsábeis que fagan as reparacións oportunas no menor tempo posíbel, dado que foi preciso instalar o cordón de seguridade.

Ao seu ver, os labores de acondicionamento que se fixeran na cuberta no seu día son insuficientes para evitar calquera tipo de accidente e preservar o patrimonio cultural.

Como curiosidade histórica do lugar, Apatrigal lembra un texto de El conde de Castelo no que se explica o nome popular do edificio porque no terreo houbo un colexio de irlandeses.