Entrevista

Nuno García Pico (Grande Amore): "Sempre me gustou na música a sucidade e a imperfección do son"

Nuno García Pico, a voz de Grande Amore, na redacción de 'Nós Diario'.

Grande Amore presentou esta sexta feira en Ourense o seu terceiro disco, III, que mantén a esencia e o son electrónico dos anteriores mais desta volta dá un maior protagonismo ás guitarras e "o ruído", como recoñece o seu vocalista, Nuno García Pico (O Valadouro, A Mariña, 1995), impulsor dunha banda que comparte con Clara Redondo e María Gallego. Un trío que forxou unha forte amizade grazas á música.   

Nuno García Pico visita a redacción de Nós Diario para falar da súa terceira creación musical da man de Grande Amore, que, "nun alarde de orixinalidade", como el mesmo di, chámase III. Este novo traballo, se ben mantén a esencia e eses sons propios da música electrónica cos que se deu a coñecer, aposta por un rock máis "extremo", máis "duro" e mesmo máis "sucio", sinala o artista, que ironiza: "Se alguén escoita Fillas de Cassandra e logo a nós, parece que estamos matando a alguén".

—Neste terceiro disco obsérvase unha grande evolución da súa obra. Estamos ante unha etapa renovadora no proxecto musical de Nuno Pico?
O feito de que é máis escuro e ruidoso xa indica que o disco é renovador. Sobre todo, no relacionado aos instrumentos, pois cando entrou Clara [Redondo] a tocar queriamos que as guitarras estivesen moito máis presentes. Ademais, a produción fíxonola Jacobo Naya e está moi lonxe da anterior. Entón, temos que poñernos a ensaiar a tope para estar á altura e presentar unha estética máis acorde. Queriamos que fose distinto, seguir avanzando neste proxecto musical. Agora, tanto a nivel escénico como instrumental, imos darlle máis peso ao son e á presenza dos instrumentos no escenario. Agora temos máis presenza como grupo da que tiñamos antes, porque é o que intentamos.

—Unha portada cunha foto de Frexulfe (O Valadouro) e unha contraportada coa casa na que medrou. A morriña está presente neste novo proxecto?
A min o da morriña sempre me pasou. Teño unha vinculación moi forte con Frexulfe, no Valadouro, que é o sitio onde eu nacín e onde vivín os primeiros anos da miña vida. Neste disco hai unha canción que vai dedicar á miña avoa, que morreu xa hai anos. Entendo que aí teño ese compoñente de nostalxia, como en I e II. Pásame de sempre este sentimento, a niveis irreais. O cerebro ponme esas trampas constantemente de que pareza que todo no pasado é ideal. Ese pasado romántico que está presente neste disco.

—A dedicatoria deste álbum presenta dúas estrelas do rock, Robe Iniesta e Steve Albani, e mais a súa avoa, Ascensión Fernández García. Que significado teñen para o proxecto musical Grande Amore?
Por un lado está Robe, porque me gusta moitísimo, tanto en Extremoduro como en solitario. Desfruto moito de como escribe, é destes artistas que te van acompañando en cada fase da vida. Eu escoitaba Los Planetas na carreira, pero disto xa hai un tempo. Porén, Extremoduro foise mantendo.

Logo está a miña avoa, unha persoa que sigo tendo presente e con moito apego, á que vai dedicada a canción Lela. A pesar de que morreu hai 14 anos, eu sigo sentindo moita vinculación cara a ela, porque, creme, é unha gran parte da persoa que son. Para ben ou para mal, a persoa na que me convertín.

E no caso de Steve Albini dáse o detalle, que non podía faltar en todo o que rodea a Grande Amore, que é que nós iamos mesturar este disco en Chicago (Estados Unidos) con el. Eu admíroo moitísimo, tanto como músico como enxeñeiro de son. Para min é un referente, nós soñabamos con gravar con Steve Albini alí en Chicago, pero non se materializou, nunha mítica dinámica cósmica na que é imposíbel que algo suceda; efectivamente, el faleceu [en maio de 2024].

Nuno García Pico, na redacción de 'Nós Diario', durante a entrevista. (Foto: Nós Diario)

—A oportunidade non se puido dar por este suceso, mais, algunha vez pensou en como sería?
Non o sei, porque o resultado foi impresionante. O enxeñeiro de gravación que mesturou o disco foi Carles Campi. Gravámolo en Madrid, onde ten un estudio Jacobo Naya. Agora xa penso que menos mal que mesturamos con el [Carles], porque a saber como sería doutra forma. Como quedei contentísimo con isto, xa non penso noutra forma de facer as cousas.

—No caso de III identifícase moi ben a evolución da súa obra, rompendo en parte cos discos anteriores, cun rock máis duro, máis agresivo e máis intenso.
Este novo cambio dun rock and roll máis duro, máis áxil, é algo que si que me apetecía facer. Creo que nunca en ningún dos proxectos cheguei a materializar algo así. É unha circunstancia un pouco curiosa, porque Grande Amore empezou sendo un grupo totalmente de electrónica e, por circunstancias conxunturais, estamos agora en canción máis rockeiras e punkis. Quería probar a facelas eu só e neste proxecto foi no que máis funcionou.

Non teño un compromiso coa electrónica, pois eu non sei case nada dela. Eu non teño nin eses coñecementos nin esa pulsión de elaborar ese tipo de material. Apetecíame gravar algo nesa clave máis rockeira, con guitarras e máis ruído. Entón, nese sentido xa hai xente que o ve con esa parte de revival. É un cambio moi positivo porque eu creo que todo artista debe ter múltiples facetas.

—Nesta nova produción materialízase ese achegamento total ao rock and roll e os sons "duros". Busca Grande Amore un novo perfil de público?
Para empezar, a min xa me custa saber que alguén escoita o proxecto. Fáiseme curioso que alguén nos preste atención porque para min é un proxecto raro. Noutros grupos, si que o vexo [claro], pero a nós pódenos empezar a seguir unha señora dunha florería do Bierzo e mándanos unha mensaxe, "me encanta tu música", e veslle as historias [de Instagram] con cancións de Coldplay. E, ao mellor, vén un metaleiro co que ti compartes moitos gustos que che di: “Boh, isto é terríbel”. No caso de Grande Amore, por sorte ou por desgraza, sempre acabas conectando con xente moito máis variopinta.

Creo que, por un lado, na Galiza beneficiámonos de que nos escoita xente á que lle molan as letras, pero non o xénero musical. Tamén hai xente que nos escoita por propio compromiso coa lingua [galega], e se Grande Amor cantase en inglés non nos escoitaría porque non é o seu estilo.

O idioma non creo que fose unha barreira fóra. Á xente que conecta co estilo musical dálle igual que sexa en galego ou en francés porque, nese sentido, estamos a ter a posibilidade de ir tocar por aí [fóra da Galiza].

En abril imos tocar en Portugal por primeira vez, nun festival en Freamunde que se chama Walk&Dance. Parece que non, pero Portugal está aí ao lado, e deberiamos entrar máis no mercado portugués. Dáme pena que non haxa máis pontes entre Portugal e Galiza. De feito, existe un fenómeno curioso. Algúns colegas pregúntanme cando imos a Madrí, “non cres que xa poderías cantar en castellano?”, ou, “ti cres que funcionaría mellor no outro idioma?”. Eu penso que, se tivésemos un problema, non sería o idioma, senón o propio grupo.

—Unha característica do directo de Grande Amore é a súa enerxía sobre o escenario e a conexión co público. Que papel desenvolve este último nos seus concertos?
Eu creo, sinceramente, que o 100% do concerto. Non creo que ninguén se levante un día e diga, “vou ver que solos de guitarra fan hoxe”.  Eu creo que iso se dá entre nós e o público, porque tamén se dá entre os do proxecto [musical]. A enerxía que temos entre nós os tres...  que ademais é unha cousa moi anómala, porque non nos coñeciamos antes de formar o grupo.

Incorporouse María [Gallego] de DJ, e logo Clara [Redondo] como guitarrista, pero non eran amigas de antes. Simplemente eramos quen quedabamos no medio da vintena que non estaban nin opositando nin planeando ter traballo. Á parte, conectamos a un nivel que é curioso non sendo amigos de antes, porque facemos vida as 24 horas xuntos.

—Por que considera que este lanzamento é tan innovador?
Sobre todo, si que me parece unha proposta arriscada. A xente que controla de execución escoita unha canción de Fillas de Cassandra ou de Mondra e cando nos escoita a nós parece que están matando a alguén.

Cando eu escoitaba música, xa como consumidor, sempre me gustaba a imperfección e a sucidade do son. Non sei facer outra cousa e nisto seguiu esa innovación, ti intentas chegar a un sitio e isto lévate a outros moi interesantes tamén. Esta última produción nace un pouco de probar e ver que xorde.

—Grande Amore vai facer unha xira por moitos lugares do Estado con música en lingua galega, como valora o propio Nuno ter chegado até este punto?
Apetecíanos facer salas porque ao final no último tramo do disco anterior fixemos bastantes e foi súper divertido, pois son un lugar común e atípico. Esa pouca xente que vai de cada vez ten moitas ganas de estar. Iso é unha sorte que temos que tampouco sei explicar, porque montar unha xira por aí diante e que sexa solvente está moi guai.

Dáme rabia moitas veces estar pensando de máis, como pórme na situación de que todo tiña que ir mellor e de que todo está a punto de caer. Podémonos dedicar os tres á música, imos tocar por aí adiante e a xente sabe as nosas cancións. Teño a sensación de estar a vivir un soño, non?

De Oh! Ayatolá até Grande Amore, os proxectos musicais de Nuno G. Pico

Nuno G. Pico é ademais o compoñente do grupo Oh! Ayatolá, dun estilo pop que afirma  ter semellanzas coa banda español Taburete, polo que resulta inevitábel preguntarlle polos diferentes estilos que conecta na súa carreira musical.

“Cando comezas, sempre o fas con colegas da túa vila; logo, vaste a estudar a carreira e xa coñeces xente que ten afinidades musicais máis próximas ás túas”, explica. O paso do tempo fixo que, despois da covid, “cada un empeza a ter traballos estables e os problemas da vida adulta”.

Porén, o líder do proxecto Grande Amore afirma que “son facetas musicais” coas que segue mantendo moitas conexións. “Séguenme gustando os Ramones, como os grupos que tiñamos de referencia naquel momento, a miña música é tamén a manifestación do que me gusta”, explica na entrevista.

Sobre os retos e futuros do proxecto musical, indica que a maior meta é “conseguir seguir facendo música”. “Eu aprendín a ser agradecido(...) é unha ilusión estar a vivir isto”, conclúe.