venres 03/12/21

Finalmente, como xa se anticipaba a semana pasada, a Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) celebrarase en xullo sen apoio do concello. Este ciclo, que desenvolverá este ano a súa 25ª edición, terá lugar en Ourense entre os días 3 e 15 do vindeiro mes. As datas orixinais de abril víronse adiadas por mor da emerxencia sanitaria. Porén, a organización tomou a decisión de manter este ano a mostra.

O que estaba preparado para abril era unha edición relevante ao se tratar do cuarto de século, cunha importante presenza internacional, por desgraza, non se vai poder trasladar a xullo. No novo plan optouse por realizar a meirande parte das actuacións no Teatro Principal, en lugar de no auditorio, como se viña facendo normalmente, na procura de espectáculos menos masivos.

Ao concello pedíuselle en concreto apoio para financiar os cachés dos catro espectáculos de rúa previstos, un eido no que a propia entidade estaría de seu traballando. "Nós pensamos, por que non xuntalas?", explica Fernando Dacosta, de Sarabela Teatro. Porén, logo de presentar varias propostas de programación, "con todo o que implica de traballo e na situación sensíbel que atravesa o eido do teatro", esta Administración rexeitou colaborar co festival. 

Programar desde o concello

A explicación remitida a Sarabela, e confirmada a Nós Diario polo concelleiro de Cultura, Mario González Sánchez, alude a programar directamente por parte da Administración. Este argumento fica baleiro para Dacosta, pois considera que a programación dun festival ten unha dimensión máis profunda, "un sentido e un discurso que se desenvolven a través duns valores e uns temas". No caso da Miteu, expresa Dacosta, a lingua é un dos piares fundamentais, e, entrando xa no campo da especulación, teme que a falta de apoio responda non só aos motivos máis económicos, senón a cuestións de carácter máis ideolóxico.

Esta situación non é nova. Xa en setembro do pasado ano o concello de Ourense saltaba a polémica por mor da decisión de non apoiar economicamente o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), detrás do que tamén se atopa a man de Sarabela Teatro. De facto, desde a Administración mesmo se insinuaba que a compañía se lucraba cos eventos, algo que desmentiu o grupo de maneira rotunda nunha rolda de prensa. Naquel caso, a situación tamén foi especialmente delicada porque a executiva insistira en tramitar as subvencións da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), mais fíxoo fóra de prazo, polo que, segundo denunciaba Sarabela, non se puido optar á cantidade duns 25.000 euros que contaban recibir, e que a organización tivo que asumir para pór en marcha a pasada edición do FITO.

Desta volta, a compañía procurou adaptarse aos criterios do concello ofrecéndolle a posibilidade de pagar directamente os cachés, xunto cos gastos de hostalaría e manutención de artistas. A maiores, pedíaselle unha achega de 3.000 euros á compañía, unha cantidade que sería, como acontece co resto das Administracións que patrocinan a mostra, posteriormente xustificada con facturas e demais documentación, coa idea de dedicar esta partida á comunicación e como axuda para o espectáculo inaugural. "Pero o concello negouse", conta Dacosta.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A Administración municipal é a patrocinadora máis antiga do festival, á que se foron sumando outras que a día de hoxe se manteñen, como a Deputación de Ourense ou a Univerisdade de Vigo. As achegas do concello, que até 2012 eran de 45.000 euros, fóronse reducindo nos últimos anos, até os 34.000 da edición anterior, segundo conta Dacosta. "Este ano ofertouse por 29.000 e a resposta foi cero euros", engade.

Un dos primeiros desencontros co sector cultural da cidade coa executiva actual veu ao pouco da toma de posesión do novo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, coa retirada de apoio a festivais tan consolidados como o xa mencionado FITO, o Pórtico do Paraíso ou o Festival de Cinema Internacional de Ourense. Desde a executiva local, González Vázquez defende esta tendencia, que xustifica coa máxima de "empregar os recursos propios" e non externos para programar, coa pretensión de "evitar as subvencións encubertas e non darlle de comer sempre á mesma xente, senón a todos os axentes".

A falta de apoio ás sinerxías consolidadas da cidade en favor da programación propia constitúen, para Dacosta, un risco. "Igual se programan un ano, logo descóidanse e pouco a pouco desaparecen", explica. "Todas estas iniciativas son momentáneas, porque non existe ningún plan cultural na cidade", engade. Isto remataría por ameazar coa desaparición ou emigración a outros lugares de diversas citas.

Algunhas das vítimas foron as Xornadas de Banda Deseñada, a Bienal de Gravado ou o Outono Fotográfico. Este festival desapareceu xa en 2017, nun proceso de "desmontaxe descomunal da cultura que comezou co Partido Popular e que está sendo rematado por Democracia Ourensana", afirma o seu director, Xosé Lois Vázquez. Este considera a manobra como "programática, non persoal", en coincidencia coas tendencias a nivel internacional e no Estado, que abandonan a cultura que se fai desde os colectivos en favor do "espectáculo ou converter institucións en oficinas de contratación, que é o que pasa en Ourense".

Así, pérdese o "trámite de creación cultural" e non entran "criterios de valoración como o idioma, máis ben ao contrario", di Vázquez. Neste contexto, Dacosta teme que o ano que vén "nos vexamos obrigadas esgrimir o cartel de 'búscase concello' para a Miteu". Dacosta tamén apunta a dificultade de diálogo cun alcalde que non entende o que implica unha mostra como a Miteu, un evento que trouxo compañías dos cinco continentes e que ten ao tempo un importante valor formativo. Porén, Jácome "pono ao nivel de Noite Meiga, sen facer esa distinción entre festexo e cultura, e entra nun terreo no que é moi difícil debater, sen argumentos e desde posturas totalitarias", explica Dacosta.

Teatro para a emerxencia

A Miteu é, ao seu ver un valor para a cidade, que reverte na actividade económica de axencias de viaxes, hoteis, restaurantes ou traballadoras da cultura. "Iso non é debatíbel, os datos están aí. Xogan coa posverdade, que a cidadanía acepta sen cuestionar", denuncia. E nese punto reivindica precisamente o valor do teatro.

O ciclo terá como eixe a "emerxencia", desde as liñas habituais de reflexión,  humor e teatro universitario -dentro da que algúns grupos non presentarán, pois non puideron rematar as montaxes. O pensamento sobre o que está a pasar protagonizará a mostra, apuntando especialmente a "ter coidado co renacer dos fascismos" ou "cos binomios que non son certos".

Curiosamente, sinala Dacosta que son os festivais de teatro máis veteranos da Galiza -as de Cangas e Ribadabia xunto á Miteu- os primeiros en recuperar e manter a programación, reafirmando o compromiso que demostran as súas traxectorias.

Nova vítima da asfixia cultural en Ourense
comentarios