Nova Galega de Danza estrea o seu novo espectáculo, 'Son'

A compañía presenta esta sexta 'Son', coproducido co Centro Coreográfico Galego e dirixido por Jaime Pablo Diaz e Carlos Rodríguez. Nel convive a danza tradicional galega coa española, a contemporánea e o flamenco. 

novagalegadanza
photo_camera Imaxe do espectáculo 'Son' de Nova Galega de Danza

A compañía Nova Galega de Danza vén de presentar na Coruña a estrea do espectáculo ‘Son’, coproducido co Centro Coreográfico Galego, que ofrecerá a súa primeira función esta sexta 27, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía Castro. Un corpo de baile integramente masculino pon en escena esta proposta, construída a partir dunha decena de pezas nas que a danza tradicional galega convive coa española, a contemporánea e o flamenco.

Ademais de asinar a dirección artística e a coreografía, Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez encabezan o corpo de baile do que tamén forman parte catro bailaríns especialistas en danza galega (Iván Villar Agulleiro, Francisco Sieira González, José Adrián Casal Sio e Ricardo Fernández Louro), outros catro en danza española (Rubén Puertas Martín, José Alarcón Cuevas, José Ángel Capel Ferrón e Alejandro Muñoz Muñoz) e un en contemporánea (David Vilariño).

Banda sonora

O cantaor Juan Debel, Javier Feijoó ‘Xisco’ (gaita, pandeiro e canto), Francisco Sieira González (pandeiro), Alba Moura Etrad (tarrañolas e cante) e Cords del Món (violíns) puxeron voz e música ás composicións de Sergio Moure de Oteyza, autor de numerosas bandas sonoras para cinema e televisión polas que foi finalista aos premios Goya, Mestre Mateo e Gaudí, entre outros. 

Comentarios