A nova edición do FLIV repasará o 2020 literario

A segunda edición do Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV) celebrarase entre os días 26 e 28 de marzo e prestará especial atención a Pardo Bazán, Cunqueiro, Marcial Valladares, Faustino Rey Romero e Xela Arias

Un encontro durante a primeira edición do festival.
photo_camera Un encontro durante a primeira edición do festival.

O Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV) ten ultimada a súa segunda edición, a celebrar entre os días  26 e 28 de marzo e que terá dous focos principais de atención. Dunha banda, revisar como foi o ano 2020 para a literatura en Galicia, como afectou a situación de pandemia que se vive á vida literaria; e doutra banda, lembrar algunhas das conmemoracións que serán protagonistas durante o presente ano 2021, de Pardo Bazán a Xela Arias, pasando por Álvaro Cunqueiro. Ademais, o FLIV 21 ofrecerá unha sección de contidos dedicados as artes escénicas para celebrar o Día Internacional do Teatro, que se celebra o 27 de marzo. Esta segunda edición da FLIV conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O FLIV21 manterá un sistema operativo similar ao da primeira edición, celebrada en xuño de 2020. Desde o enderezo web fliv.gal, poderán seguirse todas as actividades da programación do festival en cada un dos espazos de encontro virtual. Neses espazos terán lugar as intervencións que terán formato charla, mesa redonda, conversa ou debate, as presentacións de libros e tamén as intervencións teatrais.

O sector cultural tras a pandemia, a debate

Entre os argumentos que se debateran nesta segunda edición da FLIV poderán escoitarse aqueles relacionados coa situación mundial e como afecta ao sector cultural, como a mesa redonda que abordará a resiliencia cultural. 
Haberá debate sobre as características da novela construída desde a memoria persoal e comunitaria, un debate sobre as novas maneiras de creación poética e un encontro de tres actores galegos que falan sobre os roles masculinos na súa profesión. Tamén se manterá a sección de escaparate para libros que se poderá ver na web do festival a partir do vindeiro 15 de marzo.

Entre os autores que teñen confirmada a súa participación figuran Marilar Aleixandre para falar de Emilia Pardo Bazán; Chus Nogueira, que o fará sobre Xela Arias; e as autores que debaterán sobre literatura infantil e xuvenil como unha literatura afoutada e arriscada, Nee Barros, Irene Fernández, Antía Yañez e Eva Mejuto. No encontro dedicado a narrativa tamén están confirmados, Xesús Fraga, Suso de Toro e Berta Dávila, moderados por Esther Gómez

Comentarios