'As nosas Rosalías', un especial 'Sermos Galiza' que amosa a vixencia da escritora fundacional

Capa do especial 'Sermos Galiza', ilustrada por Iván R. (Foto: Nós Diario)
Referentes da investigación, das letras e das artes analizan a actualidade da obra rosaliana.

'As nosas Rosalías' é o título do Sermos Galiza especial de 40 páxinas que este sábado 21 de febreiro acompañará Nós Diario con motivo do Día de Rosalía, data en que se conmemora o nacemento da autora fundacional (Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 1837). É un número coral, con voces diversas que amosan a riqueza das lecturas contemporáneas da obra rosaliana e a súa pegada no pensamento, na creación e no compromiso co país.

Nel escriben a poeta e ensaísta Olga Novo, o profesor e escritor Carlos Callón, a filóloga, investigadora e profesora honoraria da Universidade da Coruña María Pilar García Negro; o escritor e músico César Morán, a actriz María Barcala, que ten interpretado Rosalía nos escenarios con Libre como os paxaros; Anxo Angueira, poeta e presidente da Fundación Rosalía de Castro; a cantante Uxía Senlle, que ten posto Rosalía no centro da súa música; o ensaísta e investigador Francisco Rodríguez, especialista na obra rosaliana e autor da primeira tese de doutoramento sobre Rosalía, Anxa González Refoxo, catedrática de Lingua e Literatura Galega, escritora e guionista; o presidente de Sermos Galiza SA e especialista na obra de Rosalía de Castro Xoán Costa; a escritora María Xesús Lama, Premio Nacional de Ensaio pola súa biografía de Rosalía, e Kathleen March, unha das principais estudosas das letras galegas no ámbito angloamericano, catedrática da University de Maine e tradutora ao inglés da obra rosaliana.

Vixencia e significado

Neste especial Sermos Galiza, os autores e as autoras achegan un poema de Rosalía unha reflexión persoal sobre os motivos da escolla e sobre o que representa a autora para cada quen, tanto a nivel persoal como profesional, a súa vixencia ou o seu significado na actualidade.

O semanario tamén inclúe o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en lingua Galega (AELG), que este ano asina a xornalista, escritora e poeta Eva Veiga e que será lido no acto central do Día de Rosalía, este domingo no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres así como en todos os actos promovidos pola AELG e outra entidades.

A capa é obra do ilustrador Iván R. Partindo do lema 'As nosas Rosalías', fragmenta o retrato da escritora,  presentándoa a través dun soporte popular como son os quebracabezas, que tamén recorda o azulexo e mesmo as primeiras pezas de Sargadelos, con escenas costumistas.