Nos quioscos, até a segunda feira, o Sermos Galiza especial sobre Gurriarán

Detalles da capa do 'Sermos Galiza' deste sábado sobre Delgado Gurriarán.
especial de 40 páxinas recolle distintas visións sobre unha personalidade caracterizada polo compromiso, ben desde a acción cívica e política, ben desde a actividade literaria.

A edición desta semana de Sermos Galiza explora a vocación poética e política de Florencio Delgado Gurriarán.

especial de 40 páxinas, que poderá mercarse nos quioscos desde este sábado e até a segunda feira, recolle distintas visións sobre unha personalidade caracterizada polo compromiso, ben desde a acción cívica e política, ben desde a actividade literaria.

Neste número do semanario, Miro Villar resume a contribución de Gurriarán a través de Saudade e de Vieiros, un exemplo da afervoada defensa da lingua e do ideario galeguista que sempre mantivo o poeta ao longo da súa vida.

Por outra parte, o crítico e historiador da literatura Xosé Ramón Pena afonda nalgúns aspectos da poesía mexicana do autor. Débora Álvarez Moldes reconstrúe os vínculos da poesía de Gurriarán coa súa terra natal de Valdeorras, e a xornalista Cristina de la Torre dará a súa visión sobre a recuperación contemporánea da figura do autor homenaxeado este ano, mentres que Montse González conversa co cantautor Anxo Rei, o primeiro divulgador da súa poesía.

Finalmente, Manuel Xestoso entrevista a Ricardo Gurriarán, parente e principal biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, para dar unha visión de conxunto da vida do autor.

Poderás mercalo nos quioscos e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.