Un novo coleccionábel

'Nós Diario' debulla o escudo do Reino galego

Escudo do Reino da Galiza cara ao ano 1500, cos trevos que precederon a introdución das cruces.

Setembro chega coa inauguración dun novo espazo en 'Nós Diario'. Durante o mes, as catro páxinas centrais do xornal dedicaranse á divulgación en profundidade da heráldica galega, unha das dimensións menos coñecidas do patrimonio, desde unha óptica internacional. Héitor Picallo revela as chaves do coleccionábel.

Remata o verán e Nós Diario emprenderá setembro con novidades. A partir do próximo mes, as catro páxinas centrais do xornal conformarán un coleccionábel de terza a sexta feira, sobre temas diversos que permitirán afondar no coñecemento polo miúdo de diferentes dimensións do país.

Héitor Picallo inaugura este novo espazo cun caderno que, a través de 18 entregas, porá o foco na heráldica galega: "O escudo do Reino da Galiza: unha ollada internacional".

Escudos galegos

A pretensión deste coleccionábel, en palabras do seu autor, é "analizar os escudos galegos desde as primeiras representacións, por volta de 1282, até o século XVIII aproximadamente, desde unha perspectiva internacional".

Este enfoque externo resulta chave na materia, considerando que o propio emblema "non nace no país, senón fóra", destaca Picallo. Así o descubriremos nun percorrido que nos vai levar desde distintos lugares da xeografía europea –Bélxica, Francia, Dinamarca, Austria ou Alemañá– até o outro lado do charco –a Cuba ou á Arxentina–, alá onde se conservan representacións gravadas en lareiras, chemineas, libros de armas...

E é que Galiza, e en particular Compostela, por mor da súa importancia histórica coa capitalidade fundamental do Camiño de Santiago, non só aparece representada en numerosos mapas cartográficos medievais. Deixou tamén considerábel pegada a través dos emblemas ao longo do continente. Picallo sinala como momento fundamental o ano 1120, cando o bispado compostelán se transforma en arquidiocese.

Momentos de cambio

Localizar aqueles períodos nos que a simboloxía se adapta a determinadas tendencias é outra das prioridades do estudo. Desde as representacións do emblema cun cáliz ou copón con trevos prodúcese unha mudanza considerábel até chegar á presenza das cruces, que hai que entender no seu momento histórico concreto.

Desde as representacións do emblema cun cáliz ou copón con trevos prodúcese unha mudanza considerábel até chegar á presenza das cruces, que hai que entender no seu momento histórico concreto

As primeiras aparicións deste elemento son relativamente serodias, de 1518 ou 1519, incorporadas sobre o previo escudo "laico", vencellado ao símbolo real, pois eses obxectos non son só litúrxicos, senón pezas comúns nas mesas da nobreza. Coa chegada de Carlos V e a vontade por divulgar as crenzas católicas, cun programa ideolóxico e relixioso transmitido desde a corte do Sacro Imperio Xermánico, consolidaríase o compoñente cristián.

As cruces do escudo

O coleccionábel "O escudo do Reino da Galiza: unha ollada internacional" pretende tamén desmentir algunhas das falsas asociacións máis espalladas do eido da heráldica galega, que atribúen, por exemplo, a correspondencia desas sete cruces coas sete principais cidades galegas, algo que se desmente con facilidade atendendo á bibliografía actual, asegura Picallo.

Este elemento hai que consideralo na reafirmación de tres aspectos, segundo ten analizado o investigador: a reafirmación do cristián do emblema, e por conseguinte a súa vinculación con ese credo; sinalar que a Galiza ou a "Terra de Santiago" (a Jacobsland europea) é unhas das capitais antigas do cristianismo –xunto con Roma e Xerusalén–; e, por último, que a Galiza está integrada no Sacro Imperio Xermánico.

A importancia da Galiza

O interese de Picallo polos escudos xorde xustamente da necesidade de protección dun patrimonio moitas veces esquecido. "Os símbolos das casas e os emblemas da fidalguía ou da nobreza tamén forman parte da nosa historia, aínda que foi a sociedade popular a que a ergueu", sinala.

O noso país "tiña un protagonismo moito maior do que hoxe podemos imaxinar", asegura Picallo

Doutra banda, destaca un dato alarmante: non atopar representacións en solitario do escudo galego, sempre acompañado do de Castela. Esta circunstancia no territorio do país e no Estado non se estende ao resto de Europa, onde si que aparece con entidade propia case desde os albores da heráldica até o século XVI, en pleno Renacemento. Isto dá conta dun período no que Castela e a Galiza existían con cadanseu rei e no que o noso país "tiña un protagonismo moito maior do que hoxe podemos imaxinar".

 

[Se aínda non es subscritora ou subscritor de Nós Diario, podes facelo nesta ligazón, onde explicamos as diferentes modalidades, tanto en papel como para a lectura na nube]