Normalizar con artigos de até 3.300 caracteres ten premio en Carballo

Mil euros e publicar o artigo en doce medios de comunicación -entre eles, Sermos Galiza- que colaboran no concurso é o galardón de quen gañe o IX Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores que convoca o Concello de Carballo.
Premio Artigos Xornalisticos
photo_camera Premio Artigos Xornalisticos

Promover a reflexión sobre a situación do galego e incentivar os espazos nos medios para o “uso e prestixio” da lingua son os obxectivos do Premio a Artigos Normalizadores que convoca o Concello de Carballo a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e neste ano 2013 chega a súa novena edición. O tema do artigo, que terá entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos terá que estar relacionado coa situación sociolingüística do país e os textos teñen que ser inéditos.

Como premio, a persoas gañadora verá publicado o seu artigo en doce cabeceiras -en papel e dixital- que colaboran no certame, desde diarios a semanarios, medios de ámbito galego canda outros locais. O prazo de entrega dos artigos remata o 11 de abril e as bases están publicadas no espazo web do Concello de Carballo.

Nomes destacados do mundo do xornalismo, a literatura e o activismo na normalización inclúense na lista de persoas gañadoras nas anteriores edicións deste premio que ano a ano consolídase como un dos premios de maior prestixio no ámbito xornalístico. Xurxo Carballido, Olga Patiño, Pilar García Negro, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos M. Callón atópanse na listaxe do premio dos anos anteriores.

.

Comentarios