De Ninghures rende homenaxe á copla galega con 'O último baile'

Hadrián García, Manuel Fernández 'Cataqui', Adrián Méndez, Manuel Lucas, Marta Álvarez, Aldara Palmeiro e Tomé Mouriño. (Foto Estudios Mans).
A banda adianta o terceiro sinxelo do novo disco.

Esta sexta feira, 17 de xaneiro, ás 00 horas, publicarase O último baile, "a creación coa sonoridade máis visceral e agresiva das tecidas até o de agora por De Ninghures", segundo aseguraron esta segunda feira desde a propia banda.

Este é o terceiro sinxelo de avance do que será o novo álbum de estudio da formación, un traballo producido por Juan de Dios Martín que verá a luz nas vindeiras semanas. 

A peza parte dunha copla recollida en 1979 en Arzúa (comarca homónima) por Dorothé Schubarth á informante Salomé e que se atopa no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). A partir desta lírica da tradición popular, e fiada polos propios versos e música de De Ninghures, nace un tema que fala do mal amor, "eses amores que se nos meten na cabeza e que nos consumen". Unha idea que se reforza "a través dunha instrumentación escura e dunha sonoridade agresiva e visceral, que medra coma se tecese espirais, até entrar en bucle, como se for unha obsesión que te acende e destrúe a partes iguais”, apuntaron desde a banda.

De Ninghures naceu en 2019 e ese mesmo ano resultou vencedor do concurso Novos Valores, conseguindo así tocar no Festigal de Compostela. No ano 2022 publicou Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois –como o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano na Galiza nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço–, a comezos deste ano presentarán este novo traballo, do que xa se coñecen Corazón alionado e A burriña.