Néstor Rego transmitirá ao Congreso as necesidades dos profesionais da arte, que esixen unha redución do tipo de IVE

“A nosa proposta é clara, a cultura, en todas as súas expresións, debe ser tratada como un ben esencial e non de luxo”, sinalou o deputado do BNG
Rego, na reunión mantida con galeristas de Lugo. (Foto: Nós Diario)
Rego, na reunión mantida con galeristas de Lugo. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reuniuse con representantes das galerías de arte de Lugo para coñecer de primeira man as problemáticas dun sector que reclama un IVE reducido para a súa actividade.

Durante o encontro, Rego recolleu as principais inquedanzas e anunciou que o BNG estudará iniciativas para impulsar no congreso a redución do imposto neste ámbito, en liña co que vén defendendo para o conxunto das actividades culturais.


O deputado do BNG lembrou que nos últimos anos se presentaron diversas iniciativas para establecer un IVE cultural reducido do 4%, excluíndo á tauromaquia. “A nosa proposta é clara, a cultura, en todas as súas expresións, debe ser tratada como un ben esencial e non de luxo”, sinalou Rego, quen insistiu na necesidade de “recoñecer o labor das galerías como espazos imprescindíbeis na difusión e promoción da arte contemporánea”.

O obxectivo do Bloque é que o Congreso "asuma esta demanda xusta" e que a redución do IVE tamén se faga efectivo para as galerías, garantindo unha política fiscal que "apoie de verdade creación e o acceso á cultura".

Comentarios