Nemésio Barxa e Carlos Guitián serán galardoados co Premio Brais Pinto 2022

Carlos Guitián e Nemesio Barxa.
A Agrupación Cultural Auriense recoñece co premio a traxectoria dos seus antecesores.

Ourense acolle este sábado 11 a entrega do Premio Brais Pinto 2022. A Agrupación Cultural Auriense concede, como cada ano, esta distinción que busca homenaxear persoas de relevancia na cultura galega.

Nesta edición, a AC Auriense recoñece o avogado e membro do Consello de Administración de Sermos Galiza S. A. —empresa editora de Nós Diario—, Nemésio Barxa, e o médico ourensán Carlos Guitián, “polo valor que tivo este primeiro grupo de persoas ao decidiren pór en marcha unha asociación para defender e fomentar a cultura e a lingua, en plena ditadura fascista”. 

Barxa, en conversa con Nós Diario, explica as orixes da agrupación indicando que “eramos un grupo de galeguistas que conectamos cuns estudantes de Maxisterio e comezamos a ter reunións semanais”. Nos primeiros encontros conversaban sobre cultura e literatura, “pero nada máis porque estabamos moi vixiados”, sinala. Coa chegada do grupo de estudantes, a vixilancia descendeu “porque xa eramos un grupo moi diverso”. Coa aprobación da Lei Fraga de Asociacións acordaron constituírense nunha agrupación cultural en 1967.  

 

 

As asociacións non podían tratar cuestións ideolóxicas, senón que debían ter unicamente contido cultural. Así, o activismo cultural durante a época franquista xogou un papel “total e absoluto” na defensa da cultura galega, sostén Barxa, xa que “de pronto déuselle difusión e trascendencia” ás agrupacións. “A xente coñecía Auriense e asistía ás actividades que organizabamos; o que hoxe parece pouco, no seu momento foi unha apertura grandísima”. 

As actividades "tiñan unha gran repercusión”, indica Barxa. “Persoas que parecía que non tiñan inquedanzas culturais nin políticas empezaron a ir masivamente aos eventos”. As conferencias tiñan éxito, a xente enchía os locais para escoitar falar sobre historia, ecoloxía e moitos outros temas. Tamén organizaban cursos de lingua e literatura galega para “dar a coñecer a nosa cultura". 

A AC Auriense conseguiu “sacar á rúa a cultura galega”, di Barxa. “Demos a coñecer un proxecto político para o país”, porque “a cultura sen política non se entende”. Por iso, Barxa mostra o seu agradecemento polo galardón indicando que “son eu o que o que está agradecido a toda esa xente que me permitiu camiñar por unha senda para recuperar Galiza e a súa dignidade”. 

Nesa liña, a filla de Carlos Guitián, Iria Guitián, explica a Nós Diario que seu pai está “moi agradecido de que se siga recoñecendo todo o labor que se fixo desde a AC Auriense”. “El segue coa mesma mentalidade de loitar pola lingua e a cultura galegas”, sostén.