A Auriense premia ao grupo Brais Pinto e xunta os seus membros este sábado

Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Xosé Fernández Ferreiro, Cesar Arias e Bautista Álvarez recollerán este sábado día 12 de abril o Premio Brais Pinto na segunda edición que convoca a Agrupación Cultural Auriense. 

Brais Pinto
photo_camera Brais Pinto

A segunda edición do premio Brais Pinto que convoca a Agrupación Cultural Auriense de Ourense recaeu precisamente no colectivo que lle dá nome ao galardón. Fundado en 1958 en Madrid, hai cincuenta e cinco anos, o grupo estaba composto por Reimundo Patiño, Herminio Barreiro, Alexandre Cribeiro e Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña,  Xosé Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, César Arias e Ramón Lorenzo. Deles, catro están mortos, Patiño, Barreiro, Cribeiro e Ben- Cho Shey, mais a Auriense conseguiu que todos os vivos, agás Ferrín, confirmasen a asistencia á cita do próximo sábado, cando finalmente reciban o premio que leva o nome do mesmo colectivo que montaron, nunha conmemoración que se adiou desde fin de ano pasado por motivos de saúde dalgún deles. 


O acto comezará cunha palestra no Café Cultural Auriense ás 12 do mediodía na que se agarda que participen Bernardino Graña, Xosé Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, César Arias e Ramón Lourenzo participen nunha homenaxe que convocará de novo a memoria de Brais Pinto, o grupo que levaba o nome do afiador imaxinario ideado por Fernández Ferreiro. Despois terá lugar un xantar no que se lle entregará unha figura de Antón Buciños, fillo. 

Un facho nunha noite longa

“O nome do premio é tamén unha homenaxe ao propio grupo. Pareceunos moi acaído porque era un colectivo que mesmo traballando desde fóra foron quen de facer un traballo cultural e político de grande relevancia”, explica Rubén Requeixo, membro da directiva da Auriense, Agrupación que concedeu en 2012 por primeira vez o premio a Xosé Lois, “Carrabouxo”, moi unido á entidade da que foi o presidente que pasou máis tempo no cargo. “Para a Auriense o acto do sábado é moi emocionante e estamos entusiasmados de convocar a un grupo de figuras de tanta importancia na nosa cultura”, sinala Requeixo. 

Na acta asinada pola Xunta directiva na que se lle concede por unanimidade o premio, recoñéceselle aos Brais Pinto que “foron quen de levantar, na longa noite de pedra, o facho do nacionalismo facéndose herdeiros da xeración que o golpe de estado do 36 frustrou e aniquilou ou condenou ao exilio, exterior e interior”. Valoran ademais que máis de medio século despois, os seus membros continúan mantendo “vivo o espírito que os levou a criar na emigración de Madrid o colectivo que foi quen de cambiar co seu pulo e clarividencia a historia actual da nosa nación”. Para a dirección da Auriense, non se podería “entender ningún movemento político, social, cultural ou sindical do noso país sen remitirnos ao gromo que o colectivo por eles fundado inxeriu na nosa terra”.

Comentarios