'Negro Púrpura': a semente galega do LSD chega aos cinemas

O filme 'Negro Púrpura' vén de estrearse nas salas de cine. Trátase dunha cinta que retrata a Galiza do século XX a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que medra nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da cultura galega e da economía dunha época. 
Fotograma de 'Negro púrpura', un filme de Illa Bufarda dirixido por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. (Foto: Illa Bufarda).
photo_camera Fotograma de 'Negro púrpura', un filme de Illa Bufarda dirixido por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. (Foto: Illa Bufarda).

Seguramente a primeira "viaxe psicodélica" non voluntaria se deba ao consumo excesivo de dentón, un fungo capaz de crear alucinacións auditivas e visuais. Coñecido como claviceps purpurea, este fungo que medra nos cereais converteu Galiza nun dos lugares de maior produción a nivel mundial: as especiais condicións de humidade e temperatura fixeron destacar a gran calidade do dentón galego. Até o punto de alcanzar unha importancia socioeconómica relevante na Galiza da posguerra. E é que o dentón acadou altos prezos pola súa utilización na industria farmacéutica e química, sendo por iso denominado “ouro negro”, un elemento moi cobizado polas principais empresas do sector.

A historia deste "ouro negro" e das persoas que o sementaban chega agora ás salas de cine grazas a Negro Púrpura, un filme de Illa Bufarda dirixido por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva

Dentón. (Foto: Illa Bufarda / Negro Púrpura).

"A avoa traficaba con LSD" 

Todo comezou cunha conversa informal arredor dun fungo co que na posguerra se facían moitos cartos. "A avoa traficaba con LSD", contoulle unha compañeira a Adriana P. Villanueva. "Ben, non era exactamente LSD", mais por aí ían os tiros: referíase ao dentón, un dos elementos a partir dos que, a finais dos anos 30, o químico Albert Hoffman sintetizou o ácido lisérxico ou LSD. "Nós nunca escoitaramos falar del", comenta Villanueva en conversa con Nós Diario, mais a partir de aí, comezaron a indagar. Descubriron que o claviceps purpurea era un elemento básico na medicina tradicional e que estaba relacionado coa riqueza das materias primas. Após esas primeiras pesquisas "comprobamos que case todas as persoas con máis de 70 anos tiveran experiencias co dentón”, explica. "Por esa urxencia", conta Villanueva a Nós, "decidimos lanzar un micromecenado" para poder sacar adiante a película. 

A memoria viva

Negro Púrpura recolle sobre todo os testemuños de persoas xa maiores que lembran aquela época. "Arredor deste fungo foron aparecendo moitas ligazóns diferentes", valora a directora do filme. "O que máis atopamos foi xente que recollera o dentón e que o vendera", indica, mais tamén foron encontrando vivencias de persoas que o utilizaran como medicina ou de xente que se relacionara coa industria farmacéutica como Zeltia ou Miguel Servet.

Algunhas das entrevistadas en Negro Púrpura lembran os usos obstétricos do dentón para aliviar as contraccións previas ao parto. “O máis curioso é que servira tanto para facilitar os partos como para abortar”, conta Villanueva. "É unha característica do fungo que nos chamou moito a atención, esa dualidade que presenta: negro por fóra e branco por dentro, foi moi valorado polo prezo pero ao mesmo tempo era un veleno…" 

O uso do claviceps purpurea en obstetricia era "unha sabedoría das mulleres, unha sabedoría popular", conta Villanueva, a directora do filme

O uso do claviceps purpurea en obstetricia era "unha sabedoría das mulleres, unha sabedoría popular", que estaba presente no cotián, "coa boca pequena". Porén, as farmacéuticas "capitalizaron todo este saber" e convertérono en algo industrial. "Sobre os abortos é difícil que as mulleres falen", confesa Villanueva, "pero foi moi interesante e bonito que contaran os seus partos, o inicio da vida". "Foi unha experiencia que, persoalmente, me gustou moito".

O fungo dos mil nomes

Dentón, caruncho, cornecello, grao de corvo, dente de can, cornizó... “Algo que é tan nomeado dá pistas da importancia que ten”, explica Villanueva. Este fungo de mil nomes conecta a Galiza co resto do mundo e alimenta os relatos desde a porta da veciña até as multinacionais farmacéuticas e a CIA; desde as pragas medievais, pasando pola medicina popular, até o LSD. E é que o dentón chegouse a plantar independentemente do centeo: “Interesaba tanto que se infectaba a propósito o fungo e logo o centeo dábaselle aos animais”. As farmacéuticas, lembra a directora, até que o sintetizaron, tiñan as súas hortas ou buscaban terreos por outras zonas, máis alá dos sitios nos que estaban as industrias. 

Con todo, a historia do dentón caeu no silencio: "Daquela recollíanse moitas plantas para vender e sacar as economías domésticas adiante… Non se conta nada diso porque figura como algo de clase baixa, sen importancia, mais tiña moito valor". Neste silencio "hai tamén esa parte de falta de valoración: o dentón dáballes a moitas persoas a oportunidade de ter unha economía propia, que é fundamental". Eis a chave do filme: “O bonito me encanta. Mas o sincero... Ah! Esse me fascina”, que escribía Clarice Lispector.

Comentarios