Nao, La Raíz ou Def con Dos para un Castañazo rock que agarda superar os 5.000 asistentes

Imaxe dunha edición anterior do Castañazo.

O 29 de outubro, en Chantada, unha nova cita cun dos festivais obrigados do outono en Galiza, que dispón importantes novidades, como conexións con bus con varias cidades.

“Polo mes das castañas algo pasa en Chantada, terra brava” cantan os Liviao do Marrao, e abofé que si. Outono non sería outono no interior do país sen o Castañazo Rock, un festival que este ano fai a súa edición número XIV cun cartaza de luxo e importantes novidades. A música mantense como a aposta principal, con 7 propostas diferentes mais unidas por amosar ao vivo toda a súa potencialidade. A cita será o vindeiro 29 de outubro e or organizadores esperan reunir máis de 5.000 persoas.

Os históricos Def Con Dos son un dos pratos fortes desta edición. Rap, metal, sarcasmo e doses de mala hostia combínanse para facer tremer Chantada e contorna. La Raíz é outra das propostas, unha banda que está a ter un éxito importante en todo o Estado coa súa mistura de rock, reggae, ska...

Mais o cartaz deste ano é moito máis que estes dous nomes: Nao volve ao Castañazo e amosar por que é un dos grupos galegos do momento. Polo escenario de Chantada tamén pasarán Poetarras, Familia Caamagno ou Ezetaerre. E para pór o ramo, desde Euskal Herria, Esne Beltza, bailar e pensar.

Este ano, como novidade, dispoñeranse autocarros desde cidades como Compostela, Lugo ou Ourense. Para aqueles que se despracen ata Chantada e que prefiran quedarse até o día seguinte na vila terán a súa disposición os pavillóns do IES Val do Asma e CEIP Eloisa Ribadulla para acampar.

Ademais, e ao longo da xornada, o Castañazo infantil, os Cantos de Taberna ou os Xogos Bravú. O 29 de outubro, en Chantada, non se divirte quen non quere.