Música e xogos populares, XIII edición do Aturuxo en Ourol
O 18 e 19 de xullo poderase desfrutar dunha nova edición do Festival Aturuxo, que inundará as rúas de Ourol (A Mariña), en dúas xornadas onde a cultura e a tradición galegas mestúranse coa creatividade innovadora dos e das artistas para crear un evento que aposta pola raíz e o futuro da tradición. A entrada ao festival será gratuíta, así como a zona de acampada.
O festival comeza mañá cunha cea popular seguida dunha gran foliada, protagonizada polas actuacións dos primeiros artistas que darán forma ao evento. A banda local Fol do Raxal encabeza o cartel, seguida de Nordeste Callado, cunha aposta polos cantos de taberna. Xunto a eles, a noite contará con dúas formacións máis de música tradicional: Espera que vou mexar, grupo de cantos de taberna cun repertorio de cancións tradicionais, e Arume, con actuacións de música e baile.
Na xornada do sábado, a programación do Aturuxo aposta pola diversidade de actividades lúdicas. A sesión vermú da mañá dá paso a un espectáculo de circo, distintos xogos e actividades e billarda.
Ademais, o público asistente poderá desfrutar dun espectáculo de circo e actuacións lúdicas da man de Improvisóns, Don Gellati e o DJ Zé Pequeno. A música continuará amenizando o festival coas actuacións de Zelta Irevire, cunha mestura de instrumentos tradicionais e bases electrónicas que denomina como folk tribal, e Filophóbicas, banda de punk-rock. Ademais, presentarán novos discos Belém Tajes, co seu primeiro proxecto en solitario Amar o Mar, e O Sonoro Maxín, cunha mestura de ritmos tropicais recollida en A primavera ten que ser nosa.