A música tradicional ten unha cita no Festival de Pardiñas

O certame será o sábado desde as 11.30 horas
Estampa da edición do pasado ano do Festival de Pardiñas. (Foto: Pedro Michelena).
photo_camera Estampa da edición do pasado ano do Festival de Pardiñas. (Foto: Pedro Michelena).

Este sábado, 1 de agosto, terá lugar unha nova edición do Festival de Pardiñas, no que se integrará a XXVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, organizada pola Asociación do Baile e a Música de Tradición Galega (AGG).

Esta mostra, "consagrada como a máis antiga e importante da Península Ibérica, é hoxe un referente indispensábel da música tradicional galega", segundo a organización.

O seu obxectivo é estabelecer un "lugar de encontro" para todas as persoas amantes da cultura galega, no que poderán gozar do traballo de máis de 35 artesáns e artesás que exhibirán unha amplísima variedade de instrumentos tradicionais como gaitas, requintas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas ou violóns, entre moitos outros.

Programación

A apertura da Mostra terá lugar ás 11.30 horas, e ás 12 horas  comezará o pregón, que nesta ocasión estará a cargo de Afonso Castro, un home que se inicia na arte de tocar a gaita de forma autodidacta a principios da década dos 80, formándose logo na construción de instrumentos musicais no Obradoiro-Escola de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular de Vigo, da man dos mestres artesáns Antón Corral, Ramón Casal e Carlos Corral. En 1986 abre o seu propio obradoiro na súa vila natal, A Guarda, trasladándoo até O Rosal en 1989, onde permanece até o día de hoxe.

O seguinte acto do programa terá lugar ás 13 horas coa presentación, conducida por Xosé V. Ferreiros, do libro da Editorial Canela Xosé Seivane. A gaita con maiúscula. Escrito por Xosé Manuel Sánchez Rei, conta coa colaboración de Pedro Lamas e Daniel Bellón na transcrición das partituras e de Vicente Ansola con fotografías exclusivas.

Máis tarde, xa ás 15.30 horas, haberá unha mesa redonda moderada por Olimpio Xiráldez e titulada Artesáns de instrumentos: Onte e hoxe dun oficio, na que participarán distintos artesáns como Álvaro Seivane, Sito Carracedo, Xaneco Tubío, Chus Iglesias, Belén Abalde e Alberto Pires.

Finalmente, ás 19.30 horas, un concerto do sempre potente e intenso son do grupo Os Tres Pesos, composto por Felisa Segade, Estevo Lamas e Pepe de Calo porá fin a esta completa xornada de actividades. 

Comentarios