Música e solidariedade en Lugo para apoiar as activistas detidas na Volta ciclista

Actuación de Nebra, este 23 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)
O festival 'As 13 de Lugo' recadou fondos para as encausadas.

Esta sexta feira decorreu no club Clavicémbalo de Lugo a gala musical solidaria 'As 13 de Lugo'. O obxectivo principal da cita foi recadar fondos para apoiar as 13 manifestantes que protestaron durante o paso da Volta ciclista a España por Monforte e O Corgo contra a participación do equipo Israel-Premier Tech por mor do xenocidio sionista en Palestina. Durante estas mobilizacións 13 persoas foron identificadas. Algunhas delas resultaron detidas e atópanse xa inmersas en procesos xudiciais, ademais de enfrontarse a posíbeis sancións económicas que poderían sumar en conxunto 65.000 euros.

Desde a organización da gala consideran que estas protestas foron imprescindíbeis para contribuír á posterior disolución do equipo israelí tras a retirada dos seus patrocinadores e fronte a un "branquexamento do xenocidio a través do deporte" que consideran "intolerábel", e as protestas "constitúen un exercicio lexítimo fronte á complicidade das institucións".

"A idea desta galega xurdiu conversando, pois algunhas das detidas son compañeiras nosas", explica a Nós Diario Fran Zélop, membro de Filophóbicas, un dos grupos que actuaron esta sexta feira. "Fomos falando coas bandas para que se sumasen á iniciativa, na que os 10 euros da entrada foron íntegros para as 13 detidas, que aínda están en proceso xudicial tras pasar a primeira vista hai unhas tres semanas", afirma.

"Fixemos cheo, cunhas 180 persoas que quixeron vir á gala, pois ao final as detidas son activistas que defenden os dereitos humanos e loitan pola dignidade. Hai que plantar sementes", engadiu. Na gala, ademais de Filophóbicas, actuaron Nebra, Conducto Coloquio, Laura LaMontagne, Manu KasoAparte, Punk’on Queixo, Circuncisión Total e LoraHacePam. O evento presentouno a cantante e actriz Raquel López Cendán.