Museos galegos: pouco público, orzamento insuficiente e falta de autonomía

Häkan Casares e Rosario Álvarez mostran o informe do Observatorio da Cultura Galega sobre os museos. (Foto: Arxina)
O Observatorio da Cultura Galega presentou esta terza feira un informe sobre a situación dos museos galegos que revela unha excesiva centralización na xestión, inxerencias políticas, alta dependencia dos recursos públicos e dificultades para aumentar o número de visitantes.

A evolución dos museos galegos durante os últimos vinte anos é o obxecto de estudo dun documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Análise da situación dos museos e outros centros museísticos en Galicia foi presentado esta terza feira nunha rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e polo o coordinador do Observatorio da Cultura, Häkan Casares. A principal conclusión que se tira do estudo é que a centralización da xestión limitou a autonomía dos museos e que cómpre deseñar unha estratexia para evitar convertelos en recursos turísticos e centros para organizar exposicións temporais.

Nos últimos vinte anos, aumentou o número de museos na Galiza, o que propiciou un incremento da oferta cultural.  Os datos reflicten tamén un crecemento importante dos fondos que albergan estas institucións e que actualmente superan os 4 millóns, o que tamén supera á media estatal.

Con todo, o documento pon de manifesto que a realidade dos centros está chea de contrastes. En primeiro lugar porque é difícil de medir. O sistema de centros museísticos só recoñece 91 centros, mais desde o Observatorio detectáronse ¡132 entes que se autodenominan museo. En segundo lugar, porque a realidade destes centros é tamén moi dispar. Hai centros cun orzamento anual de máis de 600.000 euros e hainos de menos de 50.000 euros, polo tanto con necesidades e recursos tamén diferentes.

Orzamentos insuficientes e falta de autonomía

As persoas expertas consultadas ofrecen unha visión xeral maiormente negativa e de precariedade, sustentada en diversos factores que afectan tanto á xestión interna dos museos e centros museísticos como á súa proxección e relación coa sociedade.

Un dos problemas máis recorrentes sinalados é a insuficiencia dos orzamentos. Esta falta de recursos financeiros ten unha repercusión negativa en varios aspectos da xestión, limita a capacidade dos museos para manter un cadro de persoal adecuado, o que, á súa vez, afecta á calidade do servizo ofrecido ao público. Ademais, a falta de fondos restrinxe as posibilidades de adquirir novas coleccións, o que dificulta a renovación e o enriquecemento continuo do patrimonio exhibido e reduce a capacidade dos centros para atraer a novos públicos.

Tamén sinalan que a falta de fondos adecuados impide abordar melloras estruturais esenciais, como a restauración de edificios históricos e a modernización das instalacións museísticas. Esta limitación afecta, ademais, á adquisición e actualización de equipamentos necesarios para a conservación e exposición do patrimonio.

En relación con isto, percíbese que as administracións non lle prestan a suficiente atención á cultura, de acordo coas respostas á pregunta sobre se consideran que nos diferentes organismos oficiais existe unha falta de entendemento sobre a importancia do sector cultural en xeral.

Outra preocupación significativa está relacionada coa limitada autonomía da que dispoñen as direccións dos museos, que a miúdo se ven sometidas á interferencia das instancias superiores. Esta falta de independencia restrinxe a capacidade do persoal directivo para tomar decisións estratéxicas que beneficien a súa misión cultural. As persoas enquisadas subliñan que estas limitacións a miúdo dan como resultado unha xestión menos eficaz e unha resposta máis lenta ás necesidades e oportunidades do sector. 

Tamén se menciona a influencia excesiva das motivacións políticas na xestión. As persoas consultadas sinalan que a clase política que administra os centros (ou as administracións das que dependen) adoita impoñer unha perspectiva patrimonialista, que lles dá prioridade aos intereses alleos en vez de aos culturais.

Esta situación contribúe a que os museos sexan utilizados como ferramentas de propaganda ou para satisfacer axendas políticas, en lugar de centrárense na súa misión de preservación, investigación e difusión do patrimonio cultural.

Ademais, durante os últimos 20 anos, observouse un cambio na maneira en que as institucións xestionan os museos. Pasouse dunha visión que promovía a autonomía destes a unha máis centralizada, na que as direccións teñen menos liberdade para tomar decisións e difundir as súas actividades. Este cambio xera frustración entre os profesionais, que senten que a falta de independencia limita a súa capacidade para innovar e adaptarse ás necesidades do seu público.

Falta de estratexia global

Tamén se denuncia un problema de localismo excesivo que levou á creación de numerosos espazos con temáticas similares en diferentes localidades, o que xera unha duplicidade de esforzos e de recursos. Considérase que este enfoque localista impide o desenvolvemento de proxectos museísticos cun alcance máis amplo e unha maior relevancia cultural. 

Recoñécese a falta dunha estratexia global como unha das debilidades importantes. A ausencia dun plan estratéxico coherente e ben definido impide que os espazos poidan traballar de maneira coordinada cara a obxectivos comúns. Sen unha visión a longo prazo e unha planificación adecuada é difícil superar as carencias actuais e adaptarse ás esixencias do futuro. A necesidade dun plan deste tipo é unha cuestión que concita un elevado consenso.

O público

O perfil do asistente aos museos públicos é unha persoa nova, con estudos superiores e residentes en zonas con maior densidade de poboación.  Aínda que o interese e a frecuencia dos que asisten aos museos medrou nas dúas últimas décadas, superáronse as cifras previas á pandemia e se traspasaron os dous millóns de habitantes,  o informe asegura que "o número de visitantes aos museos e coleccións museográficas galegas non ten unha evolución claramente favorable": a maior parte recibe menos de 5.000 visitantes ao ano e practicamente ningún visitante doutro país.

O informe tamén destaca que os visitantes máis asiduos son unha pequena parte da poboación e hai un 26% da poboación que segue manifestando un baixo interese.

Tratados como recursos turísticos

A necesidade dunha maior autonomía, mellorar a coordinación e cooperación entre os centros e as súas redes son outras das críticas. Preocupa que os museos se convertan en espazos orientados ao turismo e ás exposicións temporais, e existe consenso sobre a necesidade de elaborar un plan específico para os museose instan ás administracións a ter unha estratexia global e coordinada para preparalos para os retos do futuro.