O mundo literario de Méndez Ferrín viaxa ao circo
Arnoia, Arnoia é unha novela de aventuras, épica como corresponde ao seu autor, Xosé Luís Méndez Ferrín. A compañía Pistacatro e o Centro Dramático Galego, con dirección de Quico Cadaval, lévana ao circo. Sermos Galiza asistiu a un dos últimos ensaios antes da estrea. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 317 de Sermos Galiza.
Sobre o palco atópanse cinco membros de Pistacatro. Ás ordes de Quico Cadaval, axudado na dirección por Clara Gayo, ultiman un ousado experimento: trasladar á linguaxe do teatro-circo a nouvelle de Méndez Ferrín Arnoia, Arnoia (Xerais, 1985). Faltan catro xornadas laborais para a estrea -a quinta feira, 11 de outubro- e a mañá de traballo á que asiste Sermos Galiza está dedicada a pequenos axustes, aclaracións e práctica dalgúns números complexos, arriscados. Por caso, un en que a actriz Ánxela Blanco ve pasar a rente os machetes lanzados por dous compañeiros.
“A ver, poñédevos de acordo”, di, entre divertida e temerosa, mentres os colegas se botan as armas. Clara Gayo segue a escena e dá instrucións relacionadas coa posición das persoas sobre o escenario. Ao tempo, no fondo da sala, Cadaval e o técnico repasan a banda sonora. Que alterna músicas de procedencia diversa -unha canción drum’n’bass, a zanfona de Germán Díaz- e a narración de pasaxes do libro de Ferrín recitados polo propio dramaturgo. “Eu chegaba a Lee Pirento en percura da tenda de Brandeberis, lugar que tódolos da Raza sen Nome visitaban para escoitar e confortárense na súa viaxe interminábel en dirección ó ocaso”, lese no capítulo 5, As Palabras Retorneadas.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 317 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]