O mundo europeo das embarcacións tradicionais emproa cara á Guarda

O XIV Encontro Galego de Embarcacións Tradicionais, que terá lugar do 11 ao 14 de xullo, abre a súa inscrición

embarcacións tradicionais

Está xa aberta a inscrición para aquelas embarcacións tradicionais que queiran partictipar no Encontro Galego que se vai realizar na Guarda do 11 ao 14 de xullo e que prevé reunir barcos de diferentes zonas europeas nunha nova edición dunha cita que se celebra desde hai 26 anos.

Os colectivos involucrados na organización do Encontro Galego de Embarcacións Tradicionais (Culturmar, Piueiro, Instituto de Estudos Miñoranos e Concello da Guarda) agardan que participen ao redor dun cento de embarcacións, aínda que Manuel García Sendón, presidente de Culturmar, cre que o evento poderá superar as 120.

Un dos elementos máis vistosos desta cita vai ser a peregrinación de embarcacións. “Será unha espectacular peregrinación que terá o seu punto de partida en Muros, onde a frota local e a da Coruña reunirase con embarcacións norteñas para poñer rumbo sur o día 29 de xuño. Cando a procesión pase por Sálvora, recollerá ás unidades procecentes das Rías de Pontevedra e Arousa. E xa toda a frota achegarase ata as Cíes, onde esperan os barcos da Ría de Vigo para realizar a última etapa ata a sede do encontro deste ano”, explica a organización

A navegación destes barcos ata A Guarda será documentada en vídeo xa que se trata dunha viaxe pola práctica totalidade da costa atlántica galega. Será máis dunha semana de circunvalación costeira.

Na Guarda o Encontro vai propicioar catro días de festa, lecer, cultura e convivio en torno ao mundo das embarcacións tradicionais. Música, palestras, gastronomía, artesanía, navegacións... Este encontro bianual reúne en cada edición miles de visitantes, procedentes de Galiza e tamén doutros territorios, de Portugal a Bretaña, de Euskal Herria a Italia ou Francia.

Comentarios