O "mundo ao revés" expándese na rede con curtas feministas

Majorité Opprimée achéganos a nova imaxe do Xan de Rosalía de Castro. A curtametraxe arrasou na rede, poñendo o "mundo ao revés". Como ela, atopamos outros exemplos de traballos que, á maneira de Rosalía co seu Xan, denuncian o machismo. 

A cineasta Eléonore Pourriat, actriz, guionizadora, directora da curtametraxe Majorité Opprimée non podería imaxinar que este traballo con data de 2010 se ía converter agora no último mes de febreiro nun fenómeno viral na rede tal e como foi comentado por Paula Coccoza

A curta fora premiada na categoría de mellor filme internacional no Festival Internacional de cinema Molodist de Kiev no 2010, ese mesmo ano foi seleccionada para participar nos festivais:  Seminci de Valladolid, no Francófono de Namur, no filme de Estocolmo; no 2011 exhibiuse no Festival de curtas de Toquio (Short Shorts), no de Bruxelas, no Festival do filme Francófono de Viena, no de curtas de Nijmegen (Go Short) nos Países Baixos.  Agora You Tube e substítulos en inglés revitalizan unha historia que se conta en só dez minutos, os suficientes para  facernos pensar, para espertar en nos a crítica aguda e aterrar na realidade cotiá e dura, esa opresión diaria que sofre unha maioría, tamén no mellor dos mundos posíbeis.  

Se Rosalía de Castro nos ofrecía a falta de comprensión á que se enfrontaba o protagonista do poema Xan en Follas Novas, agora salvando as distancias, Xan muda o seu nome polo de Pierre, e ofrécenos un día na súa vida desde que sae da casa para levar o neno á escola infantil até a noite, unha xeira visibiliza toda a violencia que somos capaces de observar, de sufrir e de negar. Isto é o interesante da proposta:  cando hai mudanza de papeis, mudanza de pel pode a maioría non oprimida deixar de negar a opresión da maioría? Pode a maioría oprimida ser totalmente consciente da súa opresión? Pode a maioría non oprimida identificar opresor e opresión? 

A directora, feminista, contesta con este traballo á dúbida que pode cuestionar a necesidade do feminismo nun momento en que os dereitos das mulleres perigan, un guión que naceu da súa propia experiencia vital. Un guión que procura a identificación co protagonista que (con)move nesa escena final e xa non hai lugar para o riso, esa violencia psicolóxica que condena á maior das soidades, que chama pola culpa.

Cando Pierre sofre olladas de acoso, cando Pierre é observado como un obxecto, cando a Pierre lle din cousas lembramos moitas historias reais como a vida mesma. No 2012 a estudante Sofie Peeters co seu breve documental Femme de la rue provocou que as agresións verbais de xénero, esa violencia á que se lle dan as costas, tan cotiá, fosen noticia en Bruxelas e denuncia.

Hoxe coma sempre, mais hoxe aínda son precisos traballos coma este, arte comprometida coa historia da maioría oprimida, mensaxes que denuncien desde a violencia verbal, motivo de mofa tantas veces, até a violencia da violación máis terríbel. Traballos como coma este Lo Roim Alaich ( Invisíbel) 
 da directora israelí Michal Aviad recoñecida na Berlinale 2011 co premio Panorama é que nos enfronta co tema tabú da violación, coa interiorización do problema: calar e vivir despois dunha violación. 


Da curta de Pourriat falouse en toda a prensa, o fenómeno é tema de artigos e espállase pola rede. De recente actualidade en Francia é a fita Jacky au Royaume des Filles de Riad Sattouf, recoñecido autor francés-sirio de banda deseñada de quen recomendo o seu Pascal Brutal na popular e crítica publicación mensual Fluide Glacial. Na pantalla ofrécesenos unha visión do mundo “ao revés”, que obriga a cuestionar os estereotipos que actúan socialmente cando se pensa en “home” ou “muller”. Filme de riso fácil para pasar unha boa tarde en que o seu director pretendeu ofrecer unha nova visión sobre a historia de Cendrillón. Non sei se a estrea do filme e o éxito asegurado do mesmo, partíase do recoñecemento de Riad Sattouf, das boas críticas dos seus traballos anteriores, non sei se o apoio mesmo da ministra dos dereitos das mulleres Najat Vallaud-Belkacen, que o acompañou nun debate público, activou a rede na procura desa maioría oprimida de Pourriat. 

Na rede outra intensa e, se queredes, violenta denuncia que se ve no vídeoclip Crawling On The Ground de Anita Drake. 

  
A mudanza de papeis, o mundo do revés, que Rosalía de Castro retrataba tan ben no seu poema Xan segue a estar de actualidade, como denuncia. Fagamos que o poema de Rosalía de Castro tamén se lea  millóns e millóns de veces, como denuncia, que se converta nun viral.

Comentarios