Cultura

Mulleres rurais protagonizan o maior proxecto de arte urbana do mundo

'Mulleres [Rur]urbanas' chega a Pontevedra esta quinta feira
Cartaz de Mulleres [Rur]urbanas
photo_camera Cartaz de Mulleres [Rur]urbanas

Un cento de retratos fotográficos, impresos a gran tamaño, van ser colocados na fachada da Casa Consistorial, da Facultade de Belas Artes e da Casa das Campás e de Pontevedra. O obxectivo? Reivindicar o esquecido (mesmo desprezado) rol das mulleres do rural galego. Esta actividade forma parte do Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas, unha proposta de intervención artística xurdida co impulso da cooperativa cultural 7H e co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a concellaría de Igualdade Pontevedra.

A iniciativa verá a luz a quinta feira 12 de marzo, dentro das accións do proxecto colectivo de arte urbana máis grande do mundo, o Inside Out. Este foi creado en 2011 polo artista francés JR e desenvolveuse en máis de 1.801 localizacións de 142 países, de Shangai á Habana, co propósito de transformar o espazo público a partir do uso da arte de rúa como ferramenta de expresión comunitaria.

Fiel a este espírito, o grupo de acción conformado por 25 estudantes de Belas Artes coordinados por 7H trae por primeira vez á Galiza este proxecto co fin de "reivindicar a importancia do colectivo na construción identitaria" e de introducir a idiosincrasia do rural e das mulleres que o habitan en espazos reservados tradicionalmente aos sectores masculinos, ilustrados e urbanos.

Desde o pasado mes de outubro, o alumnado recolleu testemuños dun centenar de mulleres de diversas idades e ocupacións, que posteriormente retratou tentando captar "a forza das súas historias de vida". O resultado deste labor de diálogo e descuberta interxeracional desvelarase a quinta feira cando as fotografías en branco e negro se colocarán nos exteriores dos edificios escollidos.

A instalación, nada cunha duración deliberadamete efémera, iniciarase arredor das 8.30 da mañá e finalizará sobre ás 18 horas, coa presenza dalgunhas das mulleres retratadas. Todo o proceso será documentado e compartido tanto nas redes sociais como na propia plataforma web do Inside Out, na que se compilan todas as accións levadas a cabo ao seu abeiro.

Con estes actos Pontevedra pasará a formar parte dunha plataforma global na que calquera colectivo que o desexe pode converter o espazo público no seu soporte de expresión. Inside Out leva nove anos convertendo as rúas de medio mundo en galerías de arte ao ar libre través de procesos participativos baseados no uso da fotografía. 

Comentarios