Mulleres en Beijing: 30 anos dun cumio histórico

Imaxe oficial da IV Conferencia de Mulleres de Beijing decorrida en 1995. (Foto: Cedida por María Pilar García Negro)
En setembro de 1995 nove deputadas do Parlamento da Galiza fixeron parte en Beijing da IV Conferencia Mundial sobre a Muller da ONU xunto con mulleres representantes de 189 países. Galiza levou a este cumio mundial un documento que comezaba lembrando o artigo 2.1 da Declaración Universal de Dereitos Humanos, que non se cumpre para media humanidade, a poboación feminina. Sermos Galiza lembra con María Pilar García Negro e María Xosé Porteiro aquel fito 30 anos despois.

Entre o 4 e o 15 de setembro de 1995 máis de 30.000 mulleres representantes de 189 países de todo o mundo asistiron en Beijing –capital da República Popular Chinesa– á IV Conferencia Mundial sobre as Mulleres da Organización das Nacións Unidas (ONU). Deste cumio saíu a Declaración e a Plataforma de Acción de Beijing, considerado pola ONU como o plan máis progresista que xamais existiu para promover os dereitos das mulleres. Nove deputadas do Parlamento da Galiza levaron a este cumio un documento aprobado na Comisión para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres, pioneira e creada formalmente no ano 1994 na Cámara galega a iniciativa do grupo parlamentar do BNG.

As nacionalistas presentaron en 1993 a iniciativa de pór en marcha esta comisión específica no Parlamento da Galiza, que comezou a funcionar un ano despois con presenza dos tres grupos parlamentarios representados no lexislativo galego. As deputadas do BNG Pilar García Negro e Olaia Fernández Davila; as socialistas María Xosé Porteiro e María Antonia Álvarez; e as deputadas do PP María Xosé Ares, María Teresa Fernández, Pilar Pedrosa, María Fernanda Cerviño e Elisa Madarro, deputadas na IV Lexislatura do Parlamento da Galiza, levaron á capital chinesa un documento con propostas concretas sobre igualdade das mulleres aprobado previamente pola Comisión para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres na Galiza. Cos seus votos apoiaron en Beijing un documento da Unión Interparlamentaria no que por primeira vez na historia se definiron as medidas concretas con avaliación e tempos de execución e as medidas correctoras precisas para rematar coa discriminación das mulleres en todo o mundo. A comisión parlamentar da Galiza específica para as iniciativas en materia de igualdade e dereitos das mulleres foi o xermolo dunha representación propia feminina galega que acudiu a Beijing "con moito interese", cun documento propio e unha representación máis numerosa que a do Estado español, polo que acudiron ao cumio dúas deputadas e unha senadora.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 13 de decembro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]