Falece o escritor e académico Salvador García-Bodaño, "unha das figuras máis singulares e anovadoras da promoción dos 50"

"De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, entre libro e libro colaborou en revistas e distintos volumes, mantivo unha intensa produción xornalística, cultivou a tradución e foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura", salienta a RAG sobre o poeta finado esta terza feira aos 87 anos de idade.
Salvador García-Bodaño. (Foto: RAG)
photo_camera Salvador García-Bodaño. (Foto: RAG)

O escritor e académico vigués Salvador García-Bodaño (Vigo, 17 de xullo de 1935 - Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023) faleceu na madrugada desta terza feira aos 87 anos de idade, segundo informaron a Nós Diario fontes próximas á familia e confirmou hai escasos momentos a Real Academia Galega, da que foi vicesecretario durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro (2001-2009). "Soubo, coma poucos, erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador", dixera sobre el tempo atrás o seu compañeiro de xeración e tamén académico Arcadio López-Casanova, finado o pasado ano.

"De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, entre libro e libro colaborou en revistas e distintos volumes, mantivo unha intensa produción xornalística, cultivou a tradución e foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura", salientan desde a RAG, que expresa o seu "fondo pesar" polo pasamento dunha das figuras "máis singulares e anovadoras da promoción dos 50".

A súa ópera prima, Ao pé de cada hora (Ed. Galaxia, 1967), confirmouno como "un dos poetas máis valiosos" do movemento literario coñecido como 'Xeración das Festas Minervais', "nun momento en que a poesía social predominaba nas letras galegas, un poemario singular, que emanaba o marcado intimismo que caracterizaría toda a produción do poeta", precisa a Academia.

"Nestas páxinas confluían xa o existencialismo e o galeguismo, dúas correntes fundamentais que marcaron unha traxectoria poética que tematicamente centrou no amor á terra, á Galiza que lle deu nome ao poema que abre este volume; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal", engaden.

Nove anos despois chegaba ás librarías o poemario Tempo de Compostela, recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega e que tiña como protagonista o seu terceiro elemento de atención poética, a cidade de Santiago de Compostela, "retratada cun alento entre épico e lírico que constituíu unha auténtica novidade na literatura dedicada á histórica cidade".

A capital da Galiza estivo tamén presente na obra Compostela e as nosas letras ata o Manifesto 'Máis Alá' (1992), e a propia RAG salientou o "protagonismo compostelán" na súa vida e obra na publicación editada polo Día da Poesía de 2019, dedicado a García-Bodaño baixo o título Horas de Compostela.

Completan a súa obra poética 37 debuxos para un país (1985), Compostela (1989), Pegadas no alcatrán (1994), Cidade virtual (2003) e o compendio Obra poética (1993). O escritor traballou tamén a narrativa en Os misterios de Monsieur D'Allier (1992), así como a tradución, levando á lingua galega obras como Viaxe por Galicia (1993), sobre as páxinas que George Borrow dedicou ao país en The Bible in Spain (1843).

Tamén exerceu o xornalismo como colaborador en diferentes medios, a crítica literaria, a crítica de arte e o xénero biográfico, "profundando na obra e mais na vida de autores como Avilés de Taramancos, Maside, Xaime Quessada, Luís Seoane, Rafael Dieste ou Xesús Corredoira", precisan desde a Academia.

Comentarios