Morre un home en Boiro tras caer co seu vehículo dunha ponte e quedar o coche mergullado no río

Para poder recuperar o cadáver, foi necesaria a intervención dos mergulladores especializados da Garda Civil.
Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)

Un home perdeu a vida en Boiro (O Barbanza), tras caer co seu vehículo por unha ponte e acabar o coche mergullado no río. Segundo informou o 112, a situación na que quedou o coche, completamente boca abaixo, dificultou e dilatou moito no tempo o rescate da vítima.

De feito, para poder recuperar o cadáver, foi necesaria a intervención dos mergulladores especializados da Garda Civil. Así, aínda que a alarma sobre o accidente se activou no 112 Galiza ás 3.30 horas da madrugada desta cuarta feira, foi durante as primeiras horas da mañá cando finalizaron as tarefas de rescate do corpo do único ocupante do turismo.

Segundo a información recollida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza, o coche saíuse da vía por un lateral da ponte de Runs, en Boiro, e acabou mergullado no río. O turismo quedou completamente boca abaixo e a unha profundidade superior aos dous metros.

Este feito complicou o acceso dos bombeiros de Boiro e Ribeira ao interior do vehículo, polo que foi necesario botar man do equipo de mergullo especializado na Garda Civil. Deste modo, as tarefas para o rescate e recuperación do cadáver dilatáronse no tempo ataéa madrugada.

Queda aínda pendente a retirada do vehículo por medio dun guindastre especial. Por outra parte, neste operativo participaron tamén os membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro, os profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, Policía Local e a Garda Civil de Tráfico.

Comentarios