“O monstro invisíbel”: O Oscar que pode chegar á Galiza

“O monstro invisíbel” é o título da curta da que é director de fotografía o galego Jairo Iglesias. O filme dos irmáns Fesser sobre a fame foi seleccionado para os Oscar.

Escea da curtametraxe O monstro invisíbel
photo_camera Escea da curtametraxe "O monstro invisíbel" dos irmáns Fesser.

A curtametraxe “O monstro invisíbel” dos irmáns Fesser, que conta co galego Jairo Iglesias como director de fotografía, foi seleccionada para os Oscar. Trátase dun filme producido por Acción contra el Hambre e Películas Pendelton que emprega como fío condutor a desnutrición crónica que afecta a millóns de nenos e nenas no mundo.

Tras gañar o festival de Rhode Island, a peza entrou por dereito na listaxe de filmes que pode optar ao Oscar. Aínda así, os académicos teñen que votar para elixir as películas que finalmente serán nomeadas.

Baseada en historias reais, conta con retrincos de ficción e toques de humor para relatar a vida de Aminodín, un neno que vive no vertedoiro de Papandayan (Marahui, Filipinas) coa súa familia e que se dedica, como moitos outros, a recoller o lixo que alí chega. Paralelamente, seu primo Alimán reside nun campo de refuxiados, posto que tivo que deixar atrás o seu fogar cando comezaron a producirse bombardeos. Pese a súa situación e facéndolle fronte diariamente ao monstro da fame, os pequenos tentan non perder o sorriso.

Inserirse noutra realidade

O xerme do proxecto xorde a partir dun conflito que durou aproximadamente seis meses e que se coñece como asedio de Marahui. A cidade quedou totalmente derruída e os habitantes fuxiron cara a outras zonas. A partir de entón, a cantidade de lixo que chega ao vertedoiro é moito menor, prexudicando as familias cuxa vía de sostemento é a recollida do mesmo.

Durante a rodaxe da peza e dada a conflitividade do lugar, o equipo tivo que seguir unhas liñas de actuación fixadas, como saír do hotel soamente nas horas de día ou pasar máis de catro controis no traxecto desde o aloxamento até o emprazamento do filme. Mesmo levaban no peto un documento chamado “sobre anti-secuestro” por precaución. Aínda así, a axuda que recibiron por parte dos habitantes para rodar a curta foi incríbel.

Unha vez rematado o proceso, Jairo Iglesias afirma, en declaracións a Nós Diario, que foi unha das experiencias máis impresionantes da súa vida. Inmerso naquela realidade e ante a imaxe dos rapaces e rapazas rebuscando entre o lixo, admite que aquela noite chorou bastante. “A medida que vas coñecendo a xente e vendo o funcionamento do vertedoiro, decátaste de que hai moitas persoas alí que non teñen outra saída que non sexa esa”, sinala.

Máis proxectos

Ademais de n'O monstro invisíbel, Jairo Iglesias participou noutros proxectos como Escribir o imposible de Simone G. Salbene, que se proxectará a próxima sexta feira dentro do festival Cineuropa e que relata os últimos anos de Juan Tallón. Tamén con Simone está a traballar nun documental sobre Neira Vilas e ten pendente de estrea un documental sobre as redeiras da Costa da Morte.

Comentarios