20 de setembro no Pazo da Peregrina
Mónica de Nut e Martínez Antelo Trío no Ames Jazz
17 de setembro de 2019 (15:00 h.)
A segunda edición do Ames Jazz contará con dúas das propostas máis interesantes da escena galega: o Xacobe Martínez Antelo Trío e Mónica de Nut con Virxilio da Silva á guitarra. Será no Pazo da Peregrina a sexta feira, 20 de setembro, a partir das dez e media da noite.
Se o pasado ano foi Sumrrá, formación en que tamén participa Martínez Antelo, a estrela da velada, desta volta será o trío do contrabaixista. O saxofonista Xosé Miguélez e o batería Max Gómez acompañárano para presentar o seu último disco, Capturas.
Mais antes actuará o dúo de Mónica de Nut, vocalista de inmensos recursos e vocación experimental, e do persoal e brillante guitarrista Virxilio da Silva. Dos fíos invisibles chegan as cores titularon o seu disco, xa de 2014, en que sintetizaban jazz, música académica, tradición folk ou rock.
A entrada ao Ames Jazz é de balde. Organiza o Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña.