Mondoñedo organiza os I Encontros Álvaro Cunqueiro

As xornadas formativas realizaranse os días 25 e 26 de xuño e certificarase cun crédito universitario.
Álvaro Cunquiero.
photo_camera Álvaro Cunquiero.

Mondoñedo acollerá os vindeiros 25 e 26 de xuño un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título de I Encontros Álvaro Cunqueiro. O camiño de quita e pon (1981-2021).

O curso está coordinado polo investigador e crítico literario Armando Requeixo, no que colabora tamén o Concello de Mondoñedo, a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro e o Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo.

Estes I Encontros Álvaro Cunqueiro terán lugar no Auditorio Pascual Veiga, onde se reunirán ao longo de dúas xornadas unhas trintena de especialistas na figura do grande escritor mindoniense. Neles analizarán a actualidade e vixencia do legado de Cunqueiro, do que se conmemoran 40 anos do seu pasamento, trinta anos da celebración do Día das Letras Galegas dedicado a el e 50 anos da publicación de Xente de aquí e de acolá, entre outras efemérides.

A poesía, a narrativa, o teatro, a literatura xornalística en lingua galega, amais da obra en castelán e a súa relación con outros escritores han ser algúns dos aspectos abordados nestes encontros, que contan con homologación oficial para as persoas asistentes ás que se lles certificarán dezaseis horas de formación, equivalentes a un crédito universitario.

Amais dunha conferencia inaugural e outra de clausura, estas xornadas contarán con diversos relatorios, mesas redondas, presentacións de obras, roteiros literarios e visitas guiadas.

Entre os relatores do curso cóntanse profesores de diversas universidades e centros de investigación galegos, ademais de membros de fundacións, críticos literarios, xornalistas e escritores.

O prazo de matrícula dos I Encontros Álvaro Cunqueiro comezou o pasado 10 de maio e estará aberto até o 11 de xuño. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo na páxina oficial do Cursos de Verán da Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios