Moncho Reboiras chega en agosto ao cinema

Este mes de agosto en que se fan 45 anos do asasinato de Moncho Reboiras chega á gran pantalla o primeiro filme sobre o histórico nacionalista. Reboiras. Acción e corazón é unha longametraxe documental dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo. Novo tráiler no interior.

Fotograma do filme 'Reboiras. Acción e corazón' (Alberte Mera, 2020). O actor Daniel Celester dá vida a Moncho Reboiras na pantalla.
photo_camera Fotograma do filme 'Reboiras. Acción e corazón' (Alberte Mera, 2020). O actor Daniel Celester dá vida a Moncho Reboiras na pantalla.

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, a policía da ditadura franquista asasinaba en Ferrol o nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia. Nesa mesma data e cidade, pero en 2020, cando se fan os 45 anos dos tráxicos feitos, estrearase o filme Reboiras. Acción e corazón, dirixido por Alberte Mera García (Vigo, 1987) e producido pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. 

Este filme, o primeiro que se fai sobre o histórico nacionalista, estrearase no Cinema Duplex de Ferrol, ás 17 horas. As entradas xa están á venda na web da sala. Aliás, após a proxección, haberá un coloquio co director sobre o documentario, unha obra que achega á pantalla un retrato fiel de Moncho Reboiras.

Un día despois, o 13 de agosto, o filme estrearase en Santiago de Compostela, no Cinema Numax, tamén ás 17 horas e, ao igual que en Ferrol, haberá un coloquio posterior co director do documentario. As entradas xa se poden adquirir a través da web de Numax. Mera partillará no coloquio o proceso creativo e dará conta dos traballos de investigación levados a cabo para a realización do filme e o público poderá interactuar coa equipa da obra.

Previamente, o 8 de agosto será a preestrea na Lavandeira, en Imo (Dodro), a parroquia natal de Moncho Reboiras. Será unha exhibición especial e reservada para a veciñanza de Dodro.

O filme estrearase en Ourense o 26 de agosto, no Cineclube Padre Feixoo; mentres que o 4, 5 e 6 de setembro estará nos Cines Codex de Lugo. O día 9 de setembro a estrea será na Coruña, con dúas proxeccións nas salas de cinema do Fórum Metropolitano. O 18 de setembro haberá unha exhibición especial dentro do Festival Primavera do Cine en Vigo, e o 3 de outubro o documentario presentarese no auditorio de Ponteareas. Será xa en novembro, cadrando co mes da memoria en Pontevedra, cando se exhiba o filme na cidade do Lérez.

Na web reboiras.gal irase actualizando a lista de estreas con máis datas e salas onde se proxectará a obra.  

Este sábado, Día da Patria Galega, a Fundación Terra e Tempo publicou o segundo trailer do filme, que achega unha mostra das secuencias de ficción que Alberte Mera rodou para o documental, así como un avance das entrevistas que este director tamén filmou ao longo do país e que narran a vida de Moncho Reboiras.

Participan, en total, 29 testemuñas directas que partillaron ou coñeceron o histórico nacionalista, como o propio irmán de Moncho, Manuel Reboiras, a súa curmá Lita Martínez, o escritor e ex secretario xeral da Unión do Povo Galego, Francisco Rodríguez; os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana, ou a cineasta Margarita Ledo, até as propias persoas que se atopaban con Reboiras o 12 de agosto en Ferrol, e que el axudou a fuxir e salvar: Elvira Souto e Lois Ríos.

“A película non é de aventuras, é un documentario fiel sobre quen foi Reboiras”. Así resumía Alberte Mera nunha entrevista en Nós Diario o sentido do filme que se vai estrear este verán.

Comentarios