Mon Daporta e Adela Leiro: andar, ver e divulgar
Manuel María fixo un título que mudou consigna: Andando a Terra. E estes dous mestres de Cambados, Adela Leiro (1954) e Mon Daporta (1952) levárono como norma nas máis de 600 rutas que percorreron durante varias décadas e foron deixando en libros e páxinas da prensa galega, desde A Nosa Terra a Sermos Galiza. Agora, por razóns de saúde, fan un alto no camiño pero podemos seguir servíndonos do seu saber na súa páxina web e tamén nas hemerotecas.
—Cando falamos para esta entrevista díxome que neste 2025 cumpren tamén 50 anos casados.
Adela Leiro: Nós estudáramos xuntos e casamos moi novos, porque antes era diferente e tamén era un xeito de saír da casa e ter independencia. Mon soubo de min antes de eu coñecelo porque axudaba no reparto do pan da panadaría dos meus avós. Ía en bicicleta coa miña nai, cadansúa ruta cos cestos de vimbio acoplados ás rodas, desde as sete da mañá, antes de ir á escola. A nai de Mon levantaba os fillos berrándolles: «Arriba que xa pasou Adela co pan e vós aínda na cama»… non me tiñan moito cariño por iso. En verán e en inverno os meus irmáns lembran aquel tempo como unha escravitude, mais nunca o sentín así, para min era unha maneira de colaborar na casa e ademais gustábame andar na bici.
—Mais desexaba marchar da casa igualmente.
A.L.: Cando estudo e gaño as oposicións e cartos, xa quero administrar a miña vida. Empecei a traballar con 19 anos, substituíndo unha profesora no instituto. Tiña que dar aquelas materias do papel na casa do marido, das leis de Franco, etc… mais realmente falaba do que me petaba, de Picasso, da paz ou da guerra e dicíalles que se querían aprender algunhas cousas manuais podíalles ensinar de todo porque calcetaba, ganchillaba, bordaba,… facía traballos manuais de todo tipo que aprendera coa miña nai e en Maxisterio. E mentres preparaba a oposición, tamén lía libros a montes… non sei de onde sacaba o tempo porque agora non me chega. Había quizais menos distraccións.
Mon Daporta: O meu pai traballaba as terras e ocasionalmente andaba no mar. Eu axudaba, como toda a xente do meu tempo, e despois estudei Maxisterio. Mais non tiña unha ocupación diaria como Adela. A vida era igual en todas as vilas como Cambados, sempre na rúa, dándolle á pelota, andando polos camiños ou pescando no peirao. A min gustábame moito a natureza e todo o relacionado cos paxaros e os niños, que despois foi o camiño que seguín no estudo e dando aulas.
[Poderás ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 27 de decembro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]