Os Mestre Mateo emprenden en Lugo unha nova etapa: "Queremos facer partícipe a toda a cidadanía"

Carmen Méndez, Lucía Veiga, Iria Castro e Maite Ferreiro, en Lugo, esta cuarta feira. (Foto: Concello de Lugo)
Por primeira vez os premios despregan unha programación de actividades previa durante os meses de febreiro e marzo.

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) presentou esta cuarta feira na cidade de Lugo en rolda de prensa unha ampla programación de actividades que se desenvolverán durante os meses de febreiro e marzo como antesala da gala dos Premios Mestre Mateo. No anuncio participaron a presidenta da AGA, Lucía Veiga; a vicepresidenta da AGA, Carmen Méndez; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; a deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística, Iria Castro; o tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e mais a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro

Abrindo o acto, a presidenta da Academia, Lucía Veiga, agradeceu a presenza das institucións e salientou que están “de estrea, algo que nos gusta moito á xente do audiovisual”. A actriz, monologuista e presentadora de televisión anunciou que os Premios Mestre Mateo inician “unha nova etapa na que queremos que sexa un lugar común co público e cos veciños das cidades que nos acollen”. Neste sentido, a idea é “facer partícipe a toda a cidadanía da festa do audiovisual galego e fomentar a súa participación activa”. A proposta, asegurou, xorde “froito dun traballo colectivo que levamos meses preparando conxuntamente coa Deputación [de Lugo] e o Concello [de Lugo]”.

Entre as novidades, Veiga adiantou que haberá unha serie de actividades previas á entrega dos Premios Mestre Mateo que comezarán a semana vindeira e que se estenderán en febreiro e marzo até culminar o día 21 deste último mes coa propia gala. “Fainos moita ilusión estrear unha programación previa tan variada, tan extensa e con tantas novidades, ademais en Lugo, unha cidade coa que Carmen [Méndez] máis eu temos moita relación”, recoñeceu.

A programación

Un dos momentos chave da programación será o próximo 3 de febreiro, cando desde O Vello Cárcere se anuncien os finalistas desta edición dos Mestre Mateo. Por vez primeira, o acto estará aberto ao público e contará coa participación do comunicador Juan Fuentes e da actriz Andrea Fernández, protagonista de As Neves (Sonia Méndez, 2024). Durante este mesmo evento, segundo explicou Carmen Méndez, tamén se desvelará a identidade das persoas que presentarán a gala, un dato que a vicepresidenta da AGA asegurou que se manterá en segredo até ese momento.

Após o anuncio das finalistas, Lugo acollerá proxeccións gratuítas das películas e documentais seleccionados que decorrerán nos Cinemas Códex. As sesións decorrán ás 19 horas os días 10, 11, 18, 24 e 25 de febreiro así como  os días 3 e 4 de marzo. Todas as sesións incluirán encontros cos equipos das obras e tamén coloquios moderados pola guionista luguesa Clara Coira. As persoas asistentes poderán participar ademais na iniciativa Pasaporte Mestre Mateo, que permitirá obter un obsequio oficial e unha entrada para seguir en directo a gala do 21 de marzo.

A programación complétase con charlas e encontros que, asegura Méndez, permitirán coñecer o funcionamento interno do evento da man dos seus protagonistas. O 20 de febreiro, responsábeis da organización e comunicación da gala ofrecerán unha charla sobre as reviravoltas dos premios co nome "Detrás dos Mestres Mateo" que decorrerá na Deputación de Lugo.

O 5 de marzo, o Auditorio do Vello Cárcere acollerá un encontro cos presentadores da gala e coa persoa galardoada co Premio de Honra, conducido polo comunicador da Radio Galega Pepe Capelán. "Aínda hai máis sorpresas que descubriremos máis adiante", concluíu Méndez.

Un “punto de inflexión”

Por parte das institucións, na rolda de prensa falaron Iria Castro e Maite Ferreiro. En opinión da deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística, esta edición dos premios “marcará un fito”. A deputada quixo reivindicar Lugo “como centro, a periferia son o resto e non podemos estar máis orgullosas de ser tamén o centro da creatividade e do talento do audiovisual”. Por iso coincidiu en considerar esta edición dos Mestre Mateo como “un punto de inflexión para a Academia e tamén para a provincia para que sexa fogar de moitos máis proxectos onde tamén producimos, lideramos e emocionamos”. Sobre a programación salientou que buscaron “que convide á participación mais tamén a que se divulgue a importancia dun sector audiovisual galego no que nós cremos”.

Para Maite Ferreiro, acoller os Mestre Mateo “é unha auténtica ledicia”. Subliñou que Lugo é “unha canteira de profesionais do audiovisual, son as mellores embaixadoras e promocionan tamén a nosa cidade”. Neste sentido indicou que a cultura está presente na cidade “como indican as 37.489 entradas que se  venderon en 2026 para actividades nos auditorios Gustavo Freire e Fuxan os Ventos”. Por este motivo, Ferreiro aclarou que esta programación da AGA “creará máis demanda no municipio” confirmando que a cultura “non é algo alleo senón algo propio noso que tamén fai país”.

Unha votación popular decidirá o mellor filme para o público

Co obxectivo de implicar á audiencia no transcurso dos galardóns e reforzar o vínculo do audiovisual galego cos seus espectadores, por primeira vez nos Premios Mestre Mateo o público terá a oportunidade de votar pola súa película favorita de entre todas as finalistas. 

A longametraxe gañadora do Premio Especial do Público darase a coñecer xunto cos premios especiais á promocion da lingua e ao fomento da sostibilidade, na tradicional Xuntanza de Finalistas previa á gala, que neste ocasión decorrerá o 6 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). 

Gala e función especial

A gala dos Premios Mestre Mateo terá lugar o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. A organización, nesta ocasión, ten previsto a asistencia dun total de 900 persoas,convertendo a cidade amurallada no epicentro do audiovisual. 

A gran noite do cinema e da creación audiovisual contará como en anteriores ocasións coa tradicional alfombra vermella. Este ano, como novidade, ademáis da Gala, a Academia organizará un espectáculo en directo para que o público poida seguir o evento desde un dos escenarios do propio Auditorio. A función especial estará presentada polo cómico Rafa Durán.