Mercedes Vázquez: "As mulleres da raia son especiais. Son nais e pais ao mesmo tempo pola marcha dos homes"

A fotógrafa, no Museo de Lugo, co avental típico das mulheres de Pitões das Júnias. (Foto: Leticia E.)
Mercedes Vázquez Saavedra leva máis de vinte anos fotografando as mulleres e o entroido da raia entre Galiza e Portugal. A súa paixón levouna a percorrer aldeas e mergullarse coas súas xentes até ser unha máis, ese é o segredo da súa obra. Desde o pasado 8 de marzo e até o 9 de abril a súa exposición Mulheres, toda unha homenaxe ao matriarcado, pode verse na súa vila natal, Sarria.

Avante Pouca

De onde lle ven a paixón pola fotografía?

A miña formación non foi académica, foi familiar. Un tío meu, fotógrafo, viviu na nosa casa dous anos e tiña un estudo de fotografía analóxica. A min gustábame e preguntaba. Ademais na miña casa todas as mulleres fotografaban. Meu avó, xa no século XIX, tivera o comercio máis grande de Sarria e tiraba fotografías aos clientes sen cobrarlles coa idea de facer parroquia. Seguín coa fotografía e publiquei en varias guías. Gústame por achegarme moito á xente.  

E por Portugal?

A relación con Portugal vén de sempre. Nos últimos 20 anos intensificouse ao coñecer ao Padre Fontes, un home moi carismático do concello de Montealegre, que me brindou a súa biblioteca e a súa amizade para facer un traballo sobre o camiño portugués. Eu xa coñecía Pitões das Júnias, unha parroquia dese municipio na que comecei pasando tempadas para logo mercar unha pequena palleira. Fíxenme case portuguesa e considérome arraiana galaica.

Avante Media 

Como xurdiu a exposición Mulheres?

Na aldea de Pitões impliqueime moito. Aínda ten as características dunha comunidade. As mulleres maiores seguen funcionando como antes, dan todo o que teñen como unha irmandade. O mesmo acontece en Castro Laboreiro (Melgaço). Foron dúas aldeas que significaron moito para min. Comecei a fotografar estas mulleres cando tiven un vínculo con elas. É a única forma de poder facelo. 

As mulleres son fundamentais. Eu vivín nun matriarcado, quedeime coa avoa cando meus pais marcharon a Venezuela. E nesas aldeas manda o matriarcado, que move o mundo. As mulleres da raia son especiais. Son moi traballadoras. Son nais e pais ao mesmo tempo pola marcha dos homes. Elas quedaban coa facenda e cos fillos. Axudaron moito as galegas e aos galegos cando comezou a persecución no 36. Tratábanos dunha maneira especial. De política non saberían, mais axudaban por tratarse dos seus iguais.

Retratou o entroido en exposicións viaxeiras. Que diferenza hai entre facelo nunha vila ou cidade a levalas ás aldeas?

Fixen dúas exposicións de máscaras de entroido e levo moitos anos visitando os diferentes municipios. A dificultade vén por coincidir as mesmas datas e por sorte fun a todas. En Portugal é diferente e sae de Nadal a Reis. Á hora de facer exposicións non poño problemas por ir ás aldeas. Todo con tal de mostrar que as mulleres son importantes. Ademais é moi gratificante expoñer no rural, a xente é moi agradecida e cando inauguras está todo o mundo, ás veces mesmo supera en número á que asiste a unha exposición nunha vila.

Avante Toda

Debería ter máis difusión a relación entre Galiza e Portugal na raia?

Cada vez se coñece máis a realidade a ambos lados da raia. Cando eu cheguei a Pitões era diferente. Unha das razóns son as redes sociais que funcionan como amplificador da información. Irmandade houbo sempre. Vou cunha fotografía a un lado e a outro da raia e son a mesma xente. As e os da raia sempre estiveron unidos. Falo da xente normal, non das administracións e os cargos políticos. Igual debería fomentarse máis nese ámbito. 

Nos últimos anos estase creando un grupo moi interesante a través dos entroidos da raia. Son as propias asociacións, non os concellos. É unha inercia que xurdiu hai pouco. Como exemplos atopei as máscaras que hai pouco recuperaron en Lobios e en Melgaço. Neste segundo caso foron as propias mulleres maiores que, ademais de explicar como era, fixeron coas súas mans os traxes.