Mercedes Peón será o prato forte dunha Foliada de Melide chea de festa e tradición
Como cada último fin de semana de abril, Melide (Terra de Melide) celebrará nos días 26 e 27 a súa tradicional foliada. O sábado no serán terán lugar os tradicionais cantos de taberna, nunha xornada que culminará coa actuación de Carapaus e Coanhadeira.
Na xornada do domingo desenvolverase a Homenaxe á nosa música de tradicional oral, baixo o nome de ‘Canta ti, cantemos todas’. Ademais, a sesión vermú estará amenizada por Cantometrics, e haberá espazo para a diversión das crianzas con Cé Orquesta.
Mais o prato forte da xornada chegará máis tarde, xa case chegando a noitiña, e será da man de Mercedes Peón, que levará a súa xira ‘Ingravida’ até a localidade, no que sen dúbida significará un gran fin de festa da Foliada de Melide.
Nace en maio de 2005
A Foliada de Melide nace en maio de 2005 organizada pola Asociación Cultural O Castelo, que nas posteriores edicións pasará a celebrarse a última fin de semana de abril. Conta cun amplo programa composto por obradoiros, espazos para as crianzas, cantos de taberna, presentacións de libros, obradoiros de baile, actuacións, etc.
No ano 2009 é o momento no que se amplía a foliada a dous días, así como se incorpora o concurso de Cantos de Taberna, no cal grupos de Galiza e Euskadi percorren a zona dos viños de Melide. En 2010, co apoio do Concello, haberá unha mudanza do espazo da foliada pasando a realizarse no casco antigo melidá.