Máxima enerxía pop en galego
“Basicamente volvemos porque non atopamos razóns para non tocar xuntos de novo”, explica Roi Fernández a este semanario. Baixista, creou a banda canda Martiño Suárez –Martin Wu–, na guitarra e voz, e Xocas López na batería. Agora retoman as armas porque as condicións obxectivas o permiten. “Non puidemos facelo antes, máis alá dun concerto puntual [na Sala Capitol de Santiago en 2015] porque non viviamos na mesma cidade”, engade. O tempo pasou, si, pero as ansias de facer música e a amizade entre eles non os abandonaron. Fernández e Suárez mesmo mantiveron xuntos un proxecto punk acústico, Grampoder.
The Homens 2019 tocarán “oldies e temas míticos” en Monfero, cancións como Desaparece, Calamar ou Tigre, tigre! Porén, a súa reanudación de hostilidades inclúe novas composicións, “aínda embrionarias” pero que algún día estrearán en directo.
Harmonías e ritmos rápidos
O carácter pioneiro da súa proposta, power pop de marca new wave que foi adquirindo intensidade distorsionada, sempre en galego, sucedeu, para os seus membros, de maneira natural. E serviu de orientación a xeracións posteriores, dos últimos Familia Caamagno a Oh! Ayatollah, por caso. María Villamarín, voz e sintetizadores en Esposa, lémbrao: “En terceiro de carreira, sobre 2009, escoitaba en bucle Tres (2007) e Cuarta potencia (2009)”, relata a Sermos vía correo electrónico, “intentando harmonizar sobre a voz de Martin Wu”.
A Villamarín atraérona “os ritmos rápidos, que fose música bailábel, as harmonías de cancións poderosas e intensas”. Tanto que os propios Esposa chegaron a versionar en directo Desaparece, talvez o primeiro hit de The Homens ao nivel en que hai hits no mundo musical subterráneo, autoxestionado e ferozmente independente en que se movían. “Foron se cadra un dos primeiros grupos de pop en galego que escoitamos”, reflexiona sobre a súa pegada en Esposa, “inspiráronos no persoal e no conxunto. Talvez se note nas nosas cancións máis rápidas. Malia que nós non soamos tan rockeiros!”.
O certo é que na década paréntese de The Homens, a música pop en galego ocupou terreos antes a monte. “A banda foi un espello en que se reflectiron moitas outras bandas que xurdiron despois. Marcou unha xeración”, considera Fernando Fernández Rego, crítico e autor da monumental Unha historia da música en Galicia. 1952‑2018 (2019), na que lles dedica un apartado.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]