Volven The Homens

Máxima enerxía pop en galego

Declararon unha tregua en 2010, pero non foi defintiva. The Homens, trío de enerxéticas melodías e potentes guitarras e traballadas melodías, regresan aos escenarios e anuncian novas cancións. O pop en galego recupera unha das súas bandas fundamentais.  Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza.
f6_CulturaTheHomens
photo_camera The Homens (Cedida)

m6_CulturaTheHomensParecía mentira, pero antes de The Homens a fórmula pop, guitarras eléctricas, enerxía melódica, lírica airada e lingua galega era practicamente inédita. Houbo que agardar a inicios do século XXI para que tres músicos con base en Compostela a sintetizasen. Entre 2004 e 2010, dous EP, dous discos longos e ducias de concertos converteron The Homens en algo próximo a un fenómeno underground na Galiza. O 19 de outubro regresan aos escenarios no Grelo Folc de Monfero. O retorno, prometen, non vai ser flor dun día.

“Basicamente volvemos porque non atopamos razóns para non tocar xuntos de novo”, explica Roi Fernández a este semanario. Baixista, creou a banda canda Martiño Suárez –Martin Wu–, na guitarra e voz, e Xocas López na batería. Agora retoman as armas porque as condicións obxectivas o permiten. “Non puidemos facelo antes, máis alá dun concerto puntual [na Sala Capitol de Santiago en 2015] porque non viviamos na mesma cidade”, engade. O tempo pasou, si, pero as ansias de facer música e a amizade entre eles non os abandonaron. Fernández e Suárez mesmo mantiveron xuntos un proxecto punk acústico, Grampoder.

The Homens 2019 tocarán “oldies e temas míticos” en Monfero, cancións como Desaparece, Calamar ou Tigre, tigre! Porén, a súa reanudación de hostilidades inclúe novas composicións, “aínda embrionarias” pero que algún día estrearán en directo.

Harmonías e ritmos rápidos

O carácter pioneiro da súa proposta, power pop de marca new wave que foi adquirindo intensidade distorsionada, sempre en galego, sucedeu, para os seus membros, de maneira natural. E serviu de orientación a xeracións posteriores, dos últimos Familia Caamagno a Oh! Ayatollah, por caso. María Villamarín, voz e sintetizadores en Esposa, lémbrao: “En terceiro de carreira, sobre 2009, escoitaba en bucle Tres (2007) e Cuarta potencia (2009)”, relata a Sermos vía correo electrónico, “intentando harmonizar sobre a voz de Martin Wu”.

A Villamarín atraérona “os ritmos rápidos, que fose música bailábel, as harmonías de cancións poderosas e intensas”. Tanto que os propios Esposa chegaron a versionar en directo Desaparece, talvez o primeiro hit de The Homens ao nivel en que hai hits no mundo musical subterráneo, autoxestionado e ferozmente independente en  que se movían. “Foron se cadra un dos primeiros grupos de pop en galego que escoitamos”, reflexiona sobre a súa pegada en Esposa, “inspiráronos no persoal e no conxunto. Talvez se note nas nosas cancións máis rápidas. Malia que nós non soamos tan rockeiros!”.

O certo é que na década paréntese de The Homens, a música pop en galego ocupou terreos antes a monte. “A banda foi un espello en que se reflectiron moitas outras bandas que xurdiron despois. Marcou unha xeración”, considera Fernando Fernández Rego, crítico e autor da monumental Unha historia da música en Galicia. 1952‑2018 (2019), na que lles dedica un apartado.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios