Marilar Aleixandre faise co XXXIX Premio Eduardo Blanco Amor por 'As malas mulleres'

O xurado destacou o feito de que a autora "incorpore elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato".
A académica Marilar Aleixandre suma un novo recoñecemento (Foto: Deputación de Ourense).
photo_camera A académica Marilar Aleixandre suma un novo recoñecemento (Foto: Deputación de Ourense).

A escritora e colaboradora de Nós Diario, Marilar Aleixandre resultou gañadora do  XXXIX Premio Eduardo Branco Amor de Novela, organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación  Eudardo Branco Amor, pola súa obra As malas mulleres,.

Así o decidiu por unanimidade o xurado, que se reuniu no Centro Cultural Marcos Valcárcel na mañá deste sábado. A novela de Aleixandre, que recibirá un premio de 15.000 euros, foi seleccionada entre un total de 32 orixinais presentados.

As malas mulleres, presentada baixo o lema Láudano, está protagonizada pola filla funha lavandeira de 15 anos chamada Sisca, presa na Galera, cárcere da Coruña. Na trama tamén terán certo peso mulleres reais como Concepción Arenal, Juana de Vega e Pepa Loba.

O xurado, tal e como reflectiu na acta do seu fallo, explica que esta obra "recoñece e destaca, literariamente, o traballo das chamadas  visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras".

É unha novela, engade a resolución, na que Marilar Aleixandre incorpora elementos poéticos "que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a noticia á escritora e académica da Real Academia  Galega, e aproveitou para felicitala tanto a ela como aos membros do xurado "polo seu labor e o seu ditame".

O acto de entrega do  XXXIX Premio Eduardo Branco Amor celebrarase o próximo 1 de decembro ás 11 horas no Pazo Provincial de Ourense, data na que se cumprirán 41 anos da morte do escritor que dá nome ao galardón.

Comentarios