Marilar Aleixandre e a literatura como "táboa de salvación"

Un instante da presentación da novela premiada de Marilar Aleixandre. (Foto: Deputación de Ourense)

A autora e colaboradora de Nós Diario participou nesta cuarta feira na presentación da súa novela As malas mulleres, que resultara gañadora do 39º Premio Eduardo Blanco Amor

A escritora Marilar Aleixandre, gañadora da 39 edición do Premio Eduardo Blanco Amor de novela, participou hoxe na presentación da obra As malas mulleres, na que tamén estiveron presentes o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da editorial Galaxia, Antón Vidal. 

Após proclamarse vencedora do certame literario o pasado mes de novembro, Aleixandre acudiu á presentación pública dunha obra que definiu como “un parte de rescate da memoria colectiva”, pois alude a historias da prisión “que se dirixen ao pozo da desmemoria”.

Por exemplo, fala do cárcere da Coruña e trata do tramo final do século XIX contando os pasos de Concepción Arenal e Juana de Vega, especialmente no seu papel de visitadoras doutras mulleres na cadea.

O libro, que naceu durante o confinamento, sirve para reivindicar o valor da literatura, mais non só desde un punto de vista social. Na novela tamén hai referencias a ese arte “porque os libros convértense na táboa de salvación para as presas ás que personaxes como Concepción Arenal e Juana de Vega visitan tentando cambiar as súas vidas ensinándolles a ler”.

A tamén colaboradora de Nós Diario e membro da Real Academia Galega agradeceu á Deputación de Ourense que manteña vivo o premio.

Pola súa parte, o presidente da institución, Manuel Baltar, apostou por esta obra e remarcou que “sen cultura non hai pobo nin persoas e de pouco importan as administracións sen ela”.

Aliás, o dirixente de Galaxia, Antón Vidal, afirmou que As malas mulleres “fai xustiza a moitas mulleres”. Tamén agradeceu a Aleixandre o seu traballo non só "por trasladarnos e mostrarnos esa época, senón tamén pola riqueza léxica, cunha linguaxe viva na que recupera termos do galego".