Este sábado no Teatro Colón

María Fumaça tocará no III Certame Quero Cantar

A gala final do concurso musical infantil e xuvenil da Deputación da Coruña vai ter lugar este sábado no Teatro Colón a partir das 18:00 horas.

 

Quero Cantar-final
photo_camera Final II Certame Quero Cantar

María Fumaça será a banda convidada para interpretar as cancións máis populares entre as nenas e os nenos galegos ao inicio do Certame e mentres o xurado delibera. Nesta última gala, os seis grupos finalistas actuarán “animando a mocidade e a nenas e nenos a empregar a nosa lingua a través da canción", sinalou Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Estes seis grupos finalistas serán, por unha banda, Cortegadaos (concello de Cortegada), As fantásticas (Fisterra) e Os Calistos (Teo), formados por rapazada até os 12 anos e por outra banda, Pequenos Besbellos (Pontevedra), Noa (Vila de Cruces) e Enxebres (Vila de Cruces), formados por mozas e mozos de entre 13 e 16 anos.

O primeiro premio consta de 1.500€ e a gravación dun videoclip; o segundo 1.000€ e o terceiro, 500€. Ademais, todas as bandas concursantes gravarán en estudio a súa maqueta, que será incluída no disco Quero Cantar 18 para ser distribuído polos centros de ensino galegos.

As entradas son gratuítas e poderán recollerse anticipadamente no quiosco da praza de Ourense da Coruña ou unha hora antes do inicio do certame na billeteira do propio teatro. Tamén poden reservarse a través do enderezo electrónico [email protected].

Comentarios