Margarita Ledo recolle o premio “Facer País” de Val de Láncara

O traballo de Margarita Ledo a prol da lingua e da cultura galegas foi decisivo para que o xurado da décimo quinta edición do Premio Ramón Piñeiro “Facer País”, da Asociación Cultural Val de Láncara, decidira outorgarlle o galardón á académica.

[AELG] Margarita Ledo
photo_camera [AELG] Margarita Ledo

A catedrática de Comunicación Audiovisual da USC e cineasta Margarita Ledo recolleu este sábado en Láncara o XV Premio Ramón Piñeiro “Facer País”, un recoñecemento á traxectoria da académica. No acto, en que o mantedor foi Xulio Xiz Ramil, interveu a propia homenaxeada e a deputada do BNG Olalla Rodil.

Na decisión do xurado, que deu a coñecer o fallo o 20 de outubro, pesou o “constante compromiso con Galiza na súa creadora actividade profesional como xornalista, escritora, docente e cineasta”. Os membros do xurado definírona como "partícipe fundamental no activo proceso de dignificación e renovación dos valores propios da cultura galega, con especial atención á presenza da lingua nos novos medios de comunicación".

O galardón tamén recoñece o compromiso de Margarita Ledo coa emigración, a defensa dos valores da liberdade e a democracia, e a dignificación das mulleres.

A Asociación Cultural Val de Láncara convoca este premio coa colaboración de diferentes colectivos culturais da comarca de Sarria e de Lugo. O primeiro galardón outorgouse en 2002 anos a Isaac Díaz Pardo e, en sucesivas convocatorias, foron premiados, entre outros, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, a Real Academia Galega ou A Mesa pola Normalización Lingüística.

Comentarios