Será a súa cuarta longametraxe

Margarita Ledo inicia a rodaxe de 'Nación, um sítio onde pousar a cabeça'

Un verso do poeta portugués Manuel António Pina sérvelle a Margarita Ledo Andión para titular a súa cuarta longametraxe: Nación, um sítio onde pousar a cabeça. A vindeira terza feira, 28 de agosto, comeza a rodaxe.
[Imaxe: Natalia Porca] Margarita Ledo
photo_camera A escritora e cineasta Margarita Ledo. Foto: Natalia Porca.

“Só quero um sítio onde pousar a cabeça. / Anoitece em todas as cidades do mundo, / acenderam-se as luzes de corredores sonâmbulos / onde o meu coração, falando, vagueia”, escribe Pina (Sabugal, 1943 - Porto, 2012). O filme de Ledo Andión “conta a historia das mulleres galegas que conseguen facerse un oco no tecido industrial, a súa relación co campo, a súa memoria, a súa fortaleza”.

Nación, um sítio onde pousar a cabeça obtivo axuda á produción da Agadic da Xunta e mais o premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña, outorgado a “ideas de proxectos culturais pola igualdade”.

A anterior longa de Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) data de 2012 e titulouse A cicatriz branca. Foi a súa primeira incursión na ficción, e fíxoa para reflexionar sobre a emigración galega a América e as mulleres. Antes estreara os documentais Santa Liberdade (2004), sobre o heroico secuestro do paquebote Santa María para combater franquismo e salazarismo, e Liste, pronunciado Líster (2007), sobre o histórico comunista e militar antifascista galego.

Comentarios