María Marco Covelo, Antonio Manuel Fraga e Andrea Maceiras fanse cos Premios Xerais

Vén de facerse pública en Vigo a XXXVIIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotados cada un deles con 10.000 euros.

Reunión do xurado do Premio Jules Verne. (Foto: Xerais)
photo_camera Reunión do xurado do Premio Jules Verne. (Foto: Xerais)

Xerais vén de facer públicos en Vigo os seus tres premios, que foron parar a María Marco Covelo (Novela), Antonio Manuel Fraga (Jules Verne) e Andrea Maceiras (Merlín).

Premio Xerais de Novela

O xurado da XXXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros, xa ten gañadora: María Marco Covelo. Entre as 54 obras do certame, a súa Coidadora foi a escollida tras o debate de Noa Moreira, Carlos Coira, Alberto Cifuentes, Sara Vila Alonso, Iria Pedreira Sanjurjo  e Ramón Nicolás (secretario). "As cerdeiras" e "Batemos na porta do mundo" foron tamén finalistas, mais resultou o lema "Por min e por tódalas compañeiras" o escollido.marco_covelo_maría_ 2020

Aberta a plica, correspondía ao título Coidadora, obra que aborda un tema de actualidade desde a perspectiva de alguén que coñece ben a profesión e consegue facer "partícipe da angustia que, en ocasións, provoca este traballo".

Ademais, o xurado salienta a "inclusión na novela de focos temáticos vinculados coa ciencia, o lirismo que agroma que en moitas das súas páxinas e a existencia de distintos niveis de lectura", sen esquecer "que a proposta configura unha lectora, un lector, activo e interveniente e, en xeral, ofrece un traballo literario pouco convencional e arriscado".

Por último, o xurado destacou o desenvolvemento dun "rico tecido simbólico e o excelente pulso narrativo que exhibe" no que entende como "unha novela orixinal e suxestiva".

A autora declarouse honrada polo recoñcemento, mais admitiu que explorar este territorio narrativo "tamén dá un pouco de vertixe, mais sobre todo dáme forzas para seguir investigando nas entrañas da miña escrita para continuar a alimentala e que floreza máis forte e máis bela".

Agradeceu asemade ao xurado ter apostado nunha "historia radical e chea de matices, de capas, de fragmentos das diversas realidades e tempos aos que se enfronta unha coidadora".

Premio Merlín de Literatura Infantil

O xurado da XXXV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, escollía entre as 43 obras a concurso a presentada baixo o lema "Husu", que, aberta a plica, resultou ser de Andrea Maceiras e corresponde ao título A folla azul.

maceiras_andrea_2020O xurado estaba composto por Marta Añón Montes, Sonia García Vidal, Víctor Pérez Estévez, María José Pousa, Mario Regueira e Anaír Rodríguez (en representación de Xerais, con voz e sen voto). Nas súas palabras, A folla azul narra en primeira persoa a historia de Husu Aké, unha nena pertencente ao pobo amazónico dos Tacaré.

No corazón da Amazonia, sen contacto coa civilización occidental, a vida da tribo transcorre marcada polo ciclo da natureza e rexida polo espírito de Bekororoti. Até que a sabia avoa Arumi ten un soño premonitorio: avecíñase o desastre. Sabe que é o momento de contarlle á súa neta Husu Aké, "a nena dos ollos de luz", o segredo que leva gardando durante anos.

"Cun dominio da arquitectura da narración na que destacan as descricións xeográficas e antropolóxicas, a través do uso dunha linguaxe precisa e fluída, «A folla azul» é unha novela de fondo compromiso social", xustificaba o fallo. "Un berro contra a desigualdade, contra a destrución dos recursos naturais, e un canto a favor da cooperación e do compromiso individual polo ben común", engadía.

A autora, ao coñecer o fallo, recoñecía que "gañar un premio tan emblemático como o Merlín supón para min cumprir un soño de adolescencia e, máis aínda, facelo con esta novela". Pois para ela "vivimos nun mundo globalizado, mais acotío esquecemos que formamos parte dun mesmo planeta, dun todo indivisíbel".

"Escribín esta historia pouco antes da pandemia e creo que agora ten aínda máis vixencia. A fraxilidade de Husu, a nena protagonista, e da súa tribo é tamén a nosa. E o mesmo sucede coa súa fortaleza", concluíu.

Xunto á de Maceiras, foron finalistas as obras presentadas baixo os lemas: "Fedora" e "O moucho está no Penedo".

Premio Jules Verne

O xurado da XII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, seleccionou entre as 24 obras presentadas santoamaro, de Antonio Manuel Fraga. As deliberacións de Pablo G. Freire, Selina Otero, Cristina Álvarez Pérez. María Xesús Nogueira, Brais Nogueira e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario) estiveron tamén entre os lemas "Doppel" e "Xules".fraga_antonio_manuel_foto_antía_garcía_sendón_2020

Mais finalmente optaron por esta historia na que un grupo de amigos e amigas que acaban de rematar bacharelato deciden reunirse todos os sábados do verán pola noite na praia de Santo Amaro (A Coruña), procurando aproveitar o tempo que lles queda antes do inicio dun novo curso no que vivirán a súa separación.

"Os capítulos en que se estrutura, organizados como actos dunha obra dramática, ábrense coas mensaxes do grupo de WhatsApp mediante o que se comunican, que transmite certa información de relevancia tendo en conta as variacións que nel se van producindo", explica o xurado.

Ao estilo directo con "diálogos áxiles" e o uso dunha "linguaxe próxima, clara, concisa", súmase unha voz narradora que "insire na novela aspectos relacionados coa textualidade teatral", que provocan "en quen le unha novidosa reflexión sobre o propio acto de creación literaria".

Fraga explicou que a recepción do premio lle alegra persoalmente porque "a escrita deste texto supón transitar camiños que eu aínda non explorara, un afastamento voluntario dos espazos onde me sinto cómodo". Aliás, era a "primeira novela que fun quen de rematar cun novo rol nas costas, pai dunha meniña pequena, o que implicou unha revolución dos meus horarios e tempos de escrita".

Comentarios