En marcha a escolla dos Mestre Mateo

Mestre Mateo
Até o 4 de febreiro, as socias da Academia Galega do Audiovisual escollerán as obras candidatas ás 25 categorías dos premios Mestre Mateo, entre un total de 160 producións presentadas.

As socias da Academia Galega do Audiovisual escollerán, desde a segunda feira 20 de xaneiro até o vindeiro 4 de febreiro, as obras candidatas ás 25 categorías dos premios Mestre Mateo. Esta selección das finalistas terá lugar sobre a actual listaxe de inscritas, na que cada persoa académica emitirá catro votos por categoría a concurso.

Forman a preselección máis de 450 candidaturas, cun total de 160 obras, entre as que se atopan 5 longametraxes, 18 documentais, 4 series de televisión, 10 series web, 26 programas de televisión, 27 curtametraxes de imaxe real, 3 curtametraxes de animación, 25 anuncios publicitarios e 36 videoclips. Con todo, algunhas categorías xa están practicamente cubertas só cos presentados.

Por exemplo, a mellor curtametraxe de animación estará entre Elvis! (Daniel Rodríguez), Fratoj (Escola de Imaxe e Son de Vigo) e Homomaquia (David Fidalgo). O mesmo acontece coa categoría de serie de ficción, que enfrontará A Estiba (Voz Audiovisual e TVG), Hierro (Portocabo e Movistar+), Os Mariachi (Zopilote e TVG) e Serramoura (Voz Audiovisual e TVG). A mellor longametraxe deixará fóra só unha das cinco inscritas: Eroski - Paraíso (Jorge Coira), Feedback (Pedro C. Alonso), Longa Noite (Eloy Enciso), O que arde (Oliver Laxe) e Quen a ferro mata (Paco Plaza).

As bases estabelecen que cumpra un dos tres requisitos: que a versión orixinal sexa en galego; que, como mínimo, o 25% da produción corresponda a produtoras con domicilio social na Galiza, ou que o 50% do equipo técnico e artístico sexa galego ou residente na Galiza

Como se comproba das nomeadas, a lingua non é un criterio excluínte para optar aos Mestre Mateo. As bases estabelecen que cumpra un dos tres requisitos: que a versión orixinal sexa en galego; que, como mínimo, o 25% da produción corresponda a produtoras con domicilio social na Galiza, ou que o 50% do equipo técnico e artístico sexa galego ou residente na Galiza.

A academia galega é unha das poucas nas que as producións de cinema e televisión compiten en boa parte das categorías, como interpretación, documental, guión ou montaxe.