sábado 19/09/20

Manuel Puga, novo presidente da Fundación Penzol

O Padroado da Fundación Penzol, que atesoura un dos máis valiosos arquivos e bibliotecas do país, vén de nomear novo presidente. 

Manuel Puga
Manuel Puga

O Padroado da Fundación Penzol vén de dar a coñecer a elección dun novo presidente debido aos problemas de saúde de Afonso Zulueta de Haz que, segundo a institución, “leva un tempo imposibilitado para desenvolver o seu cargo” e que a partir de agora pasará a ser presidente de honra.

Diante esta situación, o Padroado, por unanimidade, elixiu para o seu relevo a Manuel Puga Pereira (Redondela, 1951), cuxa vida profesional se desenvolveu nos primeiros anos na USC para despois incorporarse ao mundo industrial onde foi director xeral dos Laboratorios Farmacéuticos ICI-Farma e AstraZeneca. No ano 2006 é nomeado Presidente do Consello Social da USC, cargo que desempeñou ata 2014, e consecuentemente membro, entre outras entidades, do Consello Galego de Universidades, do Consello de Dirección da ACSUG ou do comité de honra da Fundación Camilo José Cela.

Foi presidente da Fundación Galicia-Empresa (2002-2007) e preside desde 2014 a Academia de Farmacia de Galicia e a Fundación Julian Francisco Suárez Freire. Dende 2014 forma parte como Vogal Profesional da Comisión Avaliadora da ACSUG no eido do coñecemento de Ciencias da Saúde. E tamén é conselleiro da Editorial Galaxia.
Escribiu múltiples artigos e tamén os libros 'Ernestina Otero: pedagoga', 'Redondela' e 'Redondela e os redondeláns na obra de Diego San José'. Tamén é autor da publicación das primeiras monografías de medicamentos en galego no Colexio Farmacéutico de Pontevedra.

Chea de tesouros

A Fundación Penzol, ligada á editorial Galaxia, creouse en 1963 en Vigo coa idea de dotar a cidade dunha biblioteca que entón non tiña. O seu benfeitor, Fermín Penzol, doou o seu arquivo e biblioteca que co tempo se foi enriquecendo con outras achegas. Neste momento a Fundación Penzol conta con 45.000 libros impresos desde o s.XV, 160 libros manuscritos, 287 diplomas en pergameo e papel, 80 documentos de cartografía histórica, 150 metros lineais de documentos de arquivos e uns 2.500 títulos de publicacións periódicas desde o s.XIX. Situada na Casa Galega da Cultura, é punto de encontro de investigadores, alumnado e persoas interesadas pola cultura galega, pois esa foi a idea coa que se fundou e coa se segue traballando desde hai máis de cincuenta anos, agora baixo a presidencia de Manuel Puga que conta con Francisco Domínguez que segue como director da institución.