Galiza Cultura celebra o Samaín por todo o país a través da lectura de Castelao

Á esquerda, lectura de 'Un ollo de vidro' no Carballiño. Á dereita, arriba, a lectura na Coruña, e abaixo, o Samaín en Ourense.
A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura recupera, a través da obra de Castelao Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, volver enraizar a data dos defuntos coa tradición, refutando a visión banalizada e estereotipada que procede da industria do entretemento americana.

A morte é o tema arredor do que xira o ciclo de festas e rituais que se celebra a principios de novembro. O Día de Defuntos ou o Samaín –como queiramos chamalo– evidencia unha relación tradicional coa morte que se afasta da xestión moderna do mortuorio, que tende a afastar e repudiar a idea de que, máis tarde ou máis cedo, desapareceremos. Na cultura popular galega existe unha aceptación natural do ciclo da vida e da morte que asoma nestas festas e que se reflicte, tamén, na nosa tradición literaria.

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura celebrou esta quinta feira o Samaín –por segundo ano consecutivo– difundindo e popularizando a obra de Castelao, que se insire nesa corrente de achegar o mundo dos vivos e o dos mortos. Centrándose principalmente na pequena peza publicada en 1922 pola Editorial Céltiga de Ferrol Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete –onde un esqueleto é o protagonista e na que se nos narran as súas peripecias durante unha existencia máis aló da morte–, Galiza Cultura quere así reivindicar esoutra maneira de ver a morte e o mundo dos mortos.

Ao mesmo tempo, a iniciativa pretende contrarrestar a tendencia á desfiguración dos antigos costumes europeos, que están sendo substituídos por tópicos cinematográficos procedentes dos Estados Unidos e que teñen a súa orixe na comercialización e banalización que a industria do entretemento –especialmente a hollywoodiense– fai dos vellos rituais da tradición.

Como observaron moitos antropólogos, a cultura popular empregou tradicionalmente mecanismos como o humor ou o erotismo para enfrontar o medo ao descoñecido que abrolla coa idea da morte. Nese sentido, o relato de Castelao posúe diversos elementos que, en consonancia con esa tradición, tenden a relativizar o trauma do deceso.

Unha festa arraigada

Unha lectura teatralizada, lecturas públicas, foliadas, magostos, sorteos de libros, ruadas, baleirado de cabazas e mesmo unha queimada son as distintas actividades que ao longo de todo o país celebran o Samaín e a data dos defuntos e das defuntas tomando como punto de partida a obra de Castelao.

Desde a propia Federación sinalan que “esta actividade dá continuidade aos actos iniciados en distintas cidades e vilas do país en 2023 para a celebración desta data, moi arraigada na tradición cultural galega e que conta con multitude de referencias ao longo da nosa historia, sendo unha mostra da nosa riqueza patrimonial sen necesidade da importación de imaxinarios doutras culturas”.

Actos e celebracións

Os actos deron comezo esta quinta feira, na cidade da Coruña, cunha lectura teatralizada no Paraninfo da Universidade na rúa Maestranza. Sobre o escenario, e mediante a sucesión das intervencións dun elenco de actores e actrices caracterizados, desvelouse cales eran esas memorias do esqueleto que protagoniza o relato de Castelao, as vivencias que existen no máis alá e como, quizais, a morte se asemella demasiado á vida.  Para rematar, un magosto baixou o pano a esta actividade 'arrepiante' co que se celebrou na cidade herculina a chegada do Día de Defuntos e Defuntas, tan arraigado na cultura popular do país.

Se o ano pasado participaron nesta actividade a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa Agra, a Agrupación Cultural Tempo Novo e a Asociación Cultural O Facho, desta volta sumouse tamén á celebración do Samaín a Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal.

E tamén O Carballiño (comarca homónima) celebrou esta quinta feira o Samaín. No centro da vila, a Agrupación Cultural Avantar deu lectura a diversas pezas da antoloxía Cousas da morte. Asemade, e completando este acto, a entidade repartiu autocolantes celebrando a festividade e sorteou un lote de libros entre as persoas participantes no evento.

En Ourense as actividades decorreron a cargo da Asociación Cultural Auriense, tamén membro da Federación. Un baleirado de cabazas no local da Asociación serviu de prólogo a unha ruada pola contorna, que rematou no Café Cultural Auriense, onde tivo lugar unha lectura pública da obra de Castelao Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, para rematar cunha foliada a cargo da formación  Os da baixa, acompañada dunha queimada para todas as persoas participantes.

Fin de semana

A cidade de Ferrol tamén servirá de acubillo para a lectura da peza de Castelao, na tarde de mañá, sábado 2 de novembro, en Covas. As organizadoras da actividade serán, desta vez, as compoñentes da Sociedade Cultural Medulio.

E por último, a iniciativa de Galiza Cultura chegará tamén até a vila de Gondomar (comarca de Vigo), grazas á Asociación Cultural Centaura. Baixando o pano a todo este ronsel de lecturas e actividades, no Café Keik, a partir das 18.30 horas do domingo, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete fechará este percorrido de celebracións do Samaín pola xeografía do país.