Os Maios, os eólicos e o pensamento crítico, protagonistas do novo 'Sermos Galiza'

Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado, 3 de maio.
Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 3 de maio, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques.

O novo número do semanario Sermos Galiza, que acompaña este sábado Nós Diario, mergúllase na primavera, no territorio e na filosofía para ofrecer ás lectoras e lectores unha ollada diversa sobre a cultura galega.

A peza central está asinada por Inés Pena e afonda na tradición da festa dos Maios desde unha perspectiva literaria, partindo da obra de Ramón D. Veiga. A reportaxe tamén propón un percorrido por outras celebracións populares pensadas para as crianzas e que foron obxecto de recreación ilustrada, como o Entroido ou o Samaín.

Tamén ten un peso destacado o rural galego e o seu conflito coa industria extractiva. A través do colectivo Habitar o Baleiro, a xornalista Cláudia Morán e o fotógrafo Brais Lorenzo viaxan ao concello chairego de Muras para documentar os impactos dos parques eólicos na vida das persoas e no equilibrio ecolóxico.

A entrevista da semana está dedicada ao filósofo arxentino Néstor Kohan, unha das voces máis singulares do marxismo latinoamericano. En conversa con Manuel Xestoso, reflexiona sobre o nihilismo, a memoria revolucionaria e os movementos de liberación no Sur global.

Libros, música, cinema e moito máis

Na sección de crítica literaria, Tensi Xesteira escribe sobre O tigre na boca do lagarto de Antón Dobao, mentres Susana Sanches Arins revisita O xardín secreto de Frances Hodgson Burnett, nunha nova tradución ao galego de Carlos Freire.

A música tamén ten un espazo destacado, cun artigo de Jacobo Mouriño sobre o novo traballo de Musgo 981, Exilio, e unha lembranza de Xurxo Souto ao Castañazo Rock, que celebra este ano o seu 30 aniversario na localidade de Chantada, berce do bravú.

En cinema, Andrés Castro recomenda Conclave, a nova longametraxe de Edward Berger, clave para entender o contexto da sucesión papal tras a morte do papa Francisco.

En escena, Manuel Xestoso asina unha crítica de Reconversión, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, unha obra teatral de Ibuprofeno Teatro que aborda a reconversión naval na ría de Vigo.

A arte vén da man de Carlos L. Bernárdez, que vén de ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes e que neste novo número de Sermos Galiza achéganos á obra do ilustrador Pepe Carreiro, protagonista dunha exposición no Vello Cárcere de Lugo.

Como é habitual, fechan o número os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa, unha cita obrigada para o lecer con acento galego.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 3 de maio, acompañando o xornal Nós Diario.